Satyrium ilicis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Satyrium ilicis

Satyrum ilicis sobre una flor de zarzamora.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Hexapoda
Clase: Insecta
Orde: Lepidoptera
Suborde: Glossata
Infraorde: Heteroneura
(sen clasif.): Ditrysia
Superfamilia: Papilionoideas
Familia: Lycaenidae
Subfamilia: Theclinae
Tribo: Eumaeini
Xénero: Satyrium
Especie: ''S. ilicis''
Nome binomial
'Satyrium ilicis'
Esper, 1779

Satyrium ilicis é unha pequena bolboreta marrón da familia Lycaenidae que habita nas carballeiras e aciñeirais do occidente euroasiático. Foi descrita por Eugenius Johann Christoph Esper en 1779 como Papilio ilicis.[1]

Descrición[editar | editar a fonte]

Son pequenas, de case 3 a 3,5 cm de envergadura, ás anteriores entre 14 e 16 mm, máis grandes as femias que os machos. O anverso das ás dos machos presenta unha cor marrón escura, cunha pequena mancha androconial escura case inapreciable nas ás anteriores e nas posteriores unha mancha laranxa no vértice anal e un apéndice caudal abrancazado en V2. As anteriores das femias adoitan posuír unha gran mancha postdiscal laranxa ou ocre. O reverso en ambos os sexos é tamén de cor marrón, aínda que máis claro, cunha liña descontinua bicolor —branco e marrón— na zona postdiscal das ás anteriores. Nas posteriores, ademais desa mesma liña na zona postdiscal, posúe cinco lúnulas alaranxadas submarxinais bordeadas de negro.[2][3]

Como o resto de especies da súa familia as eirugas son algo aplanadas, con finos pelos, cabeza retráctil e aspecto de lesma. Os imagos presentan nas súas cabezas palpos longos e brancos, ollos grandes e escuros e antenas aneladas en branco. Ambos os sexos posúen tres pares de patas funcionais para camiñar ou agarrarse, con ás fortes e ben proporcionadas que lles permiten voar rapidamente, pousándose en bebedoiros ou charcas nos calorosos días de verán.[4]

Ciclo biolóxico[editar | editar a fonte]

É unha especie univoltina, superando a diapausa en estado de ovo. As larvas eclosionan ao principio da primavera e comezan a alimentarse das follas de aciñeira ou carballo, desde a nervadura central cara á periferia. Tamén se poden alimentar de Rhamnus catharticus ou de cerdeira de acios.[5] É mirmecófila coa especie Camponotus aethiops. A finais da primavera transfórmase en crisálide. Os imagos voan ao principio do verán, nos meses de xuño e xullo, cando se reproducen e depositan os ovos.[6]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Satyrium ilicis libando nunha asteraceae xunto ao escaravello Heliotaurus ruficollis.

Poden ser vistas en poboacións dispersas pero abundantes en aciñeirais, carballeiras e monte baixo, así como en baldíos secos cubertos de maleza e en ladeiras abruptas entre carballeiras, desde baixa altitude até os 1500 m.[7][8][3]

Ten unha distribución eurasiática occidental.[8] Ocupa toda Europa, desde os países bálticos e sur de Suecia até a Península Ibérica, Asia Menor e Líbano; faltando das illas, tanto mediterráneas como atlánticas; na Península Ibérica é máis abundante nos aciñeirais e carballeiras dos Pireneos e cornixa Cantábrica, norte do Sistema Ibérico, norte e suroeste de Portugal e norte do Sistema Penibético, aínda que pode ser atopada tamén en zonas intermedias.[3][7]

Sinonimia[editar | editar a fonte]

  • Papilio ilicis Esper, 1779;
  • Papilio lynceus Fabricius, 1787
  • Thecla caudatula Zeller, 1847
  • Thecla bischoffii Gerhard, 1850
  • Thecla bischoffii cilicica (Holtz, 1897)
  • Thecla syra Pfeiffer, 1932
  • Thecla syra pinoptas (Zerny, 1932)

Pero a especie tamén pode verse escrita como Fixenia ilicis ou Nordmannia ilicis.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Esper, E. J. C. (1779) Ademais pode observarse unha ilustración en Schmetterlinge in Abbildungen nach der Natur
  2. Aguado Martín, O. L. (2007), p. 567
  3. 3,0 3,1 3,2 Higgins, L. G. y N. D. Riley (1980)
  4. Aguado Martín, O. L. (2007), pp. 537-538
  5. 5,0 5,1 Savela, M. (2011)
  6. Aguado Martín, O. L. (2007), pp. 567-568
  7. 7,0 7,1 Aguado Martín, O. L. (2007), p. 568
  8. 8,0 8,1 Leraut, P. (2007)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]