Romaría das Cruces
A romaría das Cruces é unha cerimonia relixiosa que se celebra na Ponte (Arante, Ribadeo) cada ano o luns de pentecoste (luns da semana anterior a Corpus Christi, sete semanas despois de Semana Santa).[1]
Historia e características
[editar | editar a fonte]Conmemora unha escaramuza contra os franceses en tempos da invasión napoleónica. O 29 de xaneiro de 1809 os veciños das parroquias da zona loitaron contra os franceses capitaneados polo xeneral Fournier[2] baixo a protección de Nosa Señora das Virtudes. Nun primeiro momento a batalla librábana os veciños de Covelas, Cedofeita, Arante, Sante, Vidal e A Valboa, pero ante a proximidade da derrota un emisario buscou axuda entre os veciños de Ove. A súa chegada foi providencial e os veciños derrotaron os invasores. Dende ese momento o luns de Pentecoste celebrase a romaría neste pequeno pobo. Nela dánse cita sete pendóns doutros tantos lugares da zona (parroquias de Ribadeo -Covelas, Cedofeita, Arante e Ove- e Trabada -Sante, Vidal e A Valboa-), que renden obediencia ante o pendón principal, o mesmo que as cruces que os acompañan. O acto principal vese completado co bandeo do pendón da Ponte, seguido duna procesión arredor da igrexa da Virxe das Virtudes.
Os actos inícianse ó mediodía, coa chegada da procesión das diversas parroquias coas respectivas cruces e pendóns, uníndose na ponte sobre o río Grande. Pasan pola entrada da ermida e logo á parte posterior do santuario. Alí saúdanse as delegacións, coa inclinación mutua dos pendóns e cruces. despois do cal celébrase unha procesión arredor do santuario tras da que hai o ritual dos pendóns e cruces, co bandeo do pendón principal.[3]
En decembro de 2018 a romaría foi declarada festa de interese turístico de Galicia polo Consello de Turismo de Galicia.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Concello de Ribadeo (30 de maio de 2017). "Romaxe das Cruces".
- ↑ Piñeiroa Lozano, Emilio (2018). Nosa Señora das Virtudes. Secretaría Xeral de Política LingÚística. Xunta de Galicia. ISBN 978-84-17094-29-4.
- ↑ Piñeiroa Lozano, Emilio (2005). Nosa Señora das Virtudes da Ponte. Cadernos de investigación do IES Dionisio Gamallo Fierros 6. IES Dionisio Gamallo Fierros.
- ↑ "Romaría das Cruces - Novas. Concello de Ribadeo". ribadeo.gal. Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2018. Consultado o 2018-12-20.