Proteína nuclear

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Diagrama da captación de proteínas nucleares.

Unha proteína nuclear é unha proteína que se encontra no núcleo celular.[1] Aínda que os xenes das case todas proteínas están no ADN nuclear (só 13 proteínas están codificadas no ADN mitocondrial en humanos) e que o orgánulo onde se forman, o ribosoma, se fabrica en subunidades separadas no núcleo (no nucléolo), ningunha proteína se sintetiza no núcleo, senón que todas se forman nos ribosomas do citoplasma. Por tanto, as proteínas do núcleo proceden todas do citoplasma e deben ser transportadas ao interior do núcleo coa axuda do complexo do poro nuclear situado na envoltura nuclear, que actúa como unha barreira entre o citoplasma e o núcleo. A importación e exportación de proteínas a través dos complexos do poro nuclear exerce un papel fundamental na regulación xénica e outras funcións biolóxicas.[2][3]

Moitas proteínas teñen unha secuencia chamada sinal de localización nuclear que as marca para ser transportadas ao núcleo. Trátase dunha secuencia de aminoácidos con lisinas e arxininas situado nunha parte da proteína que fai que unha proteína acabada de sintetizar no citoplasma sexa recoñecida por proteínas de transporte específicas citosólicas para o seu envío posterior ao núcleo. As proteínas que levan este sinal son transportadas unidas a unha proteína importina (un tipo de carioferina) formando un complexo, e xuntas, pasan a través do poro nuclear. Nese momento, a Ran-GTP únese ao complexo importina-proteína, e a unión da Ran causa que a importina perda afinidade pola proteína e a proteína quede libre no núcleo.

Noutras proteínas nucleares existe un sinal de exportación nuclear, que as marca para ser exportadas do núcleo ao citoplasma, para o cal se unen a proteínas exportinas (outras carioferinas). Os ARNs únense a proteínas nucleares especiais para ser exportados ao citoplasma.

Entre as proteínas que se encontran no núcleo están as histonas, que están asociadas ao ADN formando a cromatina (e durante a división celular os cromosomas). Outras proteínas abundantes son as que forman a lámina nuclear pegada á parte interna da membrana nuclear. Outras son os encimas necesarios para diversos procesos que teñen lugar no núcleo, como a replicación do ADN, transcrición xenética, reparación do ADN, procesamento do ARN, regulación da expresión xénica etc. Outras son as proteínas necesarias para a constitución das subunidades ribosómicas, que se ensamblan co ARNr no nucléolo, e as ribonucleoproteínas dos espliceosomas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "MeSH Browser". meshb.nlm.nih.gov. Consultado o 2019-05-12. 
  2. Freitas N, Cunha C (decembro de 2009). "Mechanisms and signals for the nuclear import of proteins". Current Genomics 10 (8): 550–7. PMC 2817886. PMID 20514217. doi:10.2174/138920209789503941. 
  3. Jühlen R, Fahrenkrog B (decembro de 2018). "Moonlighting nuclear pore proteins: tissue-specific nucleoporin function in health and disease". Histochemistry and Cell Biology 150 (6): 593–605. PMID 30361777. doi:10.1007/s00418-018-1748-8. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]



Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre bioloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.