División celular

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os tres tipos principais de división celular.

A división celular é o proceso por medio do cal unha célula orixina dúas ou máis células fillas. A división celular nos seres pluricelulares é necesaria durante a embrioxénese, e para substituír as células que morren nos tecidos, e o ritmo de división varía moito dun tecido a outro[1]. Un ser humano ao longo da súa vida realiza uns 10.000 billóns de divisións celulares no seu corpo [2], pero as divisións dunha célula individual están limitadas debido ao acurtamento dos telómeros dos cromosomas, e no ser humano o número máximo de divisións é 52 (límite de Hayflick) [3][4]. As células canceríxenas crecen sen parar porque teñen grandes cantidades dun encima, a telomerase, que repara os telómeros [5]. Nos seres unicelulares a división celular completa equivale á reprodución do organismo.

Principais tipos de división celular[editar | editar a fonte]

Os principais tipos de división celular son tres: mitose, meiose e fisión binaria bacteriana.

Artigos principais: mitose, meiose e fisión binaria.
  • Mitose. A mitose é a forma máis común de división, típica das células somáticas do organismo. A célula nai divídese formando dúas células fillas xeneticamente iguais. Os cromosomas duplícanse antes de iniciarse a mitose (na interfase), polo que están formados por dúas cromátidas, que se separarán durante a mitose, proporcionando unha dotación xenética completa a cada célula filla. Durante a mitose unha formación constituída por microtúbulos chamada fuso acromático arrastra as cromátidas aos polos da célula, e despois esta divídese pola metade.
  • Meiose. A meiose é a forma de división utilizada para a formación de células reprodutoras, tales como gametos, que realizarán a reprodución sexual, e certas esporas (meiosporas). Pero hai casos en que os gametos se producen por mitose, como sucede, por exemplo, nos gametófitos de briófitas (carrizas) e pteridófitas (fentos), que son xa haploides e forman os gametos, tamén haploides, por mitose. A meiose consta de dúas divisións seguidas, 1ª e 2ª división meióticas, que acaban orixinando catro células fillas coa metade de cromosomas ca a célula inicial. Ademais, as células fillas da meiose non son todas iguais entre si nin iguais á célula inicial, porque se produce unha recombinación xenética entre cromosomas homólogos durante a 1ª división meiótica. Na meiose tamén actúa o fuso acromático. Xeralmente as células fillas son do mesmo tamaño, pero unha excepción é a ovoxénese na que se forman tres corpúsculos polares de pequenas dimensións e un óvulo, que queda con case todo o citoplasma e é moito maior.
  • Fisión binaria bacteriana. A fisión binaria é o modo de división típico das bacterias. A bacteria duplica o seu ADN, este sepárase, e fórmase unha parede divisoria que orixinará as dúas células fillas, xeneticamente iguais. O mecanismo da fisión binaria é sinxelo e non se forma o fuso acromático de microtúbulos, típico da mitose e meiose.

Outros tipos de división[editar | editar a fonte]

A forma de división máis común orixina dúas células fillas iguais, polo que se di que é unha bipartición ou división binaria. Pero existen variacións que afectan xeralmente ao modo de división do citoplasma (citocinese) ou ao modo de duplicación e repartición dos cromosomas (amitose). Danse, principalmente, en seres unicelulares, onde a reprodución celular equivale á reprodución do organismo. Salientaremos os seguintes tipos:

  • Pluripartición ou división múltiple. A pluripartición dáse en células que dividen moitas veces o seu núcleo sen dividir inicialmente o seu citoplasma, polo que se orixinan células plurinucleadas. Máis tarde prodúcese a división citoplasmática ou citocinese, que orixina varias células fillas, cada unha co seu núcleo. É típica dalgúns protozoos.
Xemación no lévedo Saccharomyces.
  • Xemación. Na xemación a célula filla orixínase a partir dun pequeno avultamento ou xema na superficie da célula nai á que se dirixe o núcleo, que se divide e se separa da célula nai por unha membrana que rodea o núcleo e o citoplasma da xema, á vez que a célula filla crece. É típico de lévedos como Saccharomyces cerevisiae, nos cales as células fillas quedan pegadas á célula nai durante un tempo, e poden formar cadeas se o proceso se repite (micelios de xemación). Cando a célula se desprende deixa unha marca ou cicatriz de xemación na célula nai, na cal se poden observar decenas de marcas.
Tamén se denomina xemación á reprodución asexual de certos animais, como o cnidarios, esponxas e briozoos, nos que unha xema que aparece no corpo do individuo inicial, crece formando un individuo novo; pero isto é un modo de reprodución asexual do animal máis que un tipo de división celular.
  • Esporulación. A esporulación dáse nalgúns protozoos, nos que en determinados momentos do seu ciclo vital a célula nai se rodea dunha cuberta resistente que a illa do exterior. Despois o núcleo divídese varias veces e orixina no interior da célula nai varias células fillas. Cando rompe a cuberta da célula nai saen as células fillas ou esporas, que, en condicións favorables, desenquístanse e orixinan células vexetativas normais.
Tamén se denomina esporulación á formación de esporas das plantas pteridófitas, briófitas e dos fungos. Neste caso trátase dun tipo de reprodución asexual de todo o organismo por medio da liberación e posterior xerminación de esporas. As bacterias tamén poden formar endosporas de resistencia, que é unha forma de enquistamento e non de división.
  • Amitose. A amitose é un tipo de división diferente á mitose. Na amitose o núcleo divídese por constrición, sen que se observe condensación da cromatina en cromosomas nin ningunha das fases ou cambios morfoxenéticos típicas da mitose. O reparto de cromosomas nas células parece ser aleatorio, polo que non aseguraría que as células fillas leven o mesmo número de cromosomas. Dáse tipicamente en protozoos ciliados con macronúcleo poliploide con funcións vexetativas e micronúcleo diploide con funcións reprodutoras, como parte do seu ciclo de vida. No micronúcleo a división é por mitose e o reparto de cromosomas entre as células fillas é exacto, pero no macronúcleo a división faise por amitose.
Tamén se fala de amitose na reprodución anormal de certas células patolóxicas no home e outros mamíferos [6]. Pero observáronse amitoses tamén en células normais, como as adrenais e outras[7]. Nos piñeiros irradiados de Chenobil (Ucraína) tamén se observaron casos de amitose[8].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Maton, Anthea; Hopkins, Jean Johnson, Susan LaHart, David, Quon Warner, David, Wright, Jill D (1997). Cells: Building Blocks of Life. New Jersey: Prentice Hall. pp. 70–74. ISBN 0-13423476-6. 
  2. Quammen, David (April 2008). "Contagious cancer: The evolution of a killer". Harper's 316 (1895): 42. .
  3. Hayflick L, Moorhead PS (1961). "The serial cultivation of human diploid cell strains". Exp Cell Res 25: 585–621. DOI:10.1016/0014-4827(61)90192-6. PMID 13905659. 
  4. Hayflick L. (1965). "The limited in vitro lifetime of human diploid cell strains.". Exp. Cell Res. 37 (3): 614–636. DOI:10.1016/0014-4827(65)90211-9. PMID 14315085. 
  5. Shay JW, Bacchetti S (April 1997). "A survey of telomerase activity in human cancer". Eur. J. Cancer 33 (5): 787–91. DOI:10.1016/S0959-8049(97)00062-2. PMID 9282118. 
  6. Mitteilungen K. Amitosis in a new ascites tumor. http://www.springerlink.com/content/q5555k44j7u67681/
  7. Magallães MC, Pignatelli D, Magallães MM. Amitosis in human adrenal cells. PMID 1802124. http://www.ncbi.nlm.nih.gov/pubmed/1802124
  8. Butorine A, Evstratov N. Amitosis in Pine as a result of Chronic Effects of Low Doses of Radiation and Chemical pollution. http://www.metla.fi/iufro/iufro95abs/d2pap55.htm

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Morgan DO. (2007) "The Cell Cycle: Principles of Control" London: New Science Press.
  2. J.M.Turner Fetus into Man (1978, 1989). Harvard University Press. ISBN 0-674-30692-9
  3. Cell division: binary fission and mitosis

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]