Portal:Pobos indíxenas de América/Artigo destacado/4

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os caribes, tamén chamados kalinagos, son unha tribo amerindia, un dos primeiros grupos que habitaron as Antillas Menores e serviron de inspiración ao nome da rexión homónima de América.

A familia lingüística caribe figurou entre as máis importantes de América do Sur, non só polo elevado número de tribos que a compuñan, senón polo seu marcado carácter expansionista. Os seus centros de dispersión abarcaron as costas do norte de Colombia, Venezuela e as Güianas, estendéndose cara ao norte das Antillas Menores e outros puntos das Antillas Maiores.

Os caribes agrupábanse en clans patrilineais que, aos poucos, nas Antillas, cederon terreo aos matrilineais. Predominaba a exogamia e era frecuente a poligamia, sendo a posición da muller inferior á do home.

Cultivaban millo, iuca, feixóns e froitas tropicais, especialmente nas Güianas e as Antillas. A pesca constituía tamén parte da súa actividade.

As primeiras crónicas descríbenos como un pobo agresivo e practicante do canibalismo.