Portal:Lugo/Biografía destacada/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ánxel Fole, nado en Lugo o 11 de agosto de 1903 e finado na mesma cidade o 9 de maio de 1986, foi un escritor en galego e castelán que cultivou todos os xéneros literarios (narrativa, poesía, teatro e ensaio), aínda que a súa sona lle vén fundamentalmente dos seus libros de contos, recollidos en catro volumes. O día 5 de outubro de 1963, día de San Froilán (patrón de Lugo) Ingresou na Real Academia Galega, e en 1997 foille adicado o Día das Letras Galegas.

Na súa narrativa, herdeira de Álvaro Cunqueiro, Castelao e Otero Pedrayo, Fole presenta a xeografía dos lugares de montaña nos que viviu, así como os traballos, costumes, diversións etc. dos seus habitantes a mediados do século XX. A lingua dos seus relatos recolle a fala popular e inclúe abundantes vulgarismos, hipergaleguismos e dialectalismos, peculiares das zonas onde sitúa os feitos que conta. Os seus escritos achegan unha información etnográfica e antropolóxica fundamental do medio rural galego antes da chegada da mecanización. Os contos de Fole caracterízanse polo seu humor e polos temas esotéricos e misteriosos, ó xeito da narrativa oral tradicional galega.