Portal:Jazz/Biografía destacada/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ella Jane Fitzgerald, coñecida como Ella Fitzgerald e alcumada Lady Ella e The First Lady of Song (A primeira dama da canción), nada en Newport News (Virxinia) o 25 de abril de 1917 e finada en Beverly Hills (California) o 15 de xuño de 1996, foi unha cantante estadounidense de jazz. Non obstante esta condición básica de jazzista, o repertorio musical de Ella Fitzgerald é moi amplo e inclúe swing, blues, bossa nova, samba, gospel, calipso, cancións de nadal, pop etc.

Canda Billie Holiday e Sarah Vaughan, está considerada como a cantante máis importante e influente da historia do jazz (e, en xeral, da canción melódica popular). Estaba dotada dunha voz cun rango vocal de tres oitavas, destacando a súa precisa e diáfana vocalización e a súa capacidade de improvisación, sobre todo no scat, técnica que desenvolveu nos anos corenta e do que logo xurdiu o bop. Nos anos cincuenta sentou cátedra coa súa concepción da canción melódica, en paralelo á obra de Frank Sinatra, coas súas versións dos temas dos grandes compositores da canción popular estadounidense (os songbooks de Duke Ellington, Cole Porter, Johnny Mercer etc.). O único reparo que se lle puxo ao seu talento interpretativo era a certa incapacidade para adaptarse emocionalmente a letras con contido dramático.

Gañou 13 Premios Grammy, e foi galardoada coa Medalla Nacional das Artes e a Medalla Presidencial da Liberdade dos Estados Unidos.