Portal:Irlanda/Artigo destacado/7

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Proclamación da República Irlandesa, tamén coñecida coma a Proclamación de 1916 ou a Proclamación de Pascua, foi un documento emitido polos Voluntarios Irlandeses e o Exército Cidadán Irlandés durante o Alzamento de Pascua en Irlanda, que comezou o 24 de abril de 1916. Nel, o Consello Militar da Irmandade Republicana Irlandesa, autonomeado como "Goberno Provisional da República Irlandesa", proclamou a independencia irlandesa do Reino Unido da Gran Bretaña e Irlanda. Patrick Pearse procedeu a ler a proclamación fóra da Oficina Xeral de Correos da rúa Sackville de Dublín (agora chamada rúa O'Connell), feito que marcou o comezo do Alzamento. A declaración inspirouse nunha proclamación de independencia similar que o rebelde irlandés Robert Emmet emitiu durante a rebelión irlandesa de 1803.

Antes de ler a proclamación, Pearse e outros líderes republicanos tomaron a Oficina Xeral de Correos e convertérona no seu cuartel xeral, izando a nova bandeira da república no mastro do edificio en troques da Union Jack británica. Tamén se izou a bandeira tricolor irlandesa (verde, branca e laranxa) nun mastro situado máis abaixo. A Oficina Xeral de Correos, a Proclamación de Pascua e a bandeira tricolor (que se chegou a converter na bandeira oficial da república irlandesa, substituíndo á bandeira verde orixinal -que se pode ver máis abaixo- , exposta no Museo Nacional de Irlanda) son os tres símbolos máis identificables do Alzamento de Pascua, xunto cos seus líderes, Thomas J. Clarke, Seán Mac Diarmada, Thomas MacDonagh, P. H. Pearse, Éamonn Ceannt, James Connolly e Joseph Plunkett.