Política do Xapón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Edificio da Dieta do Xapón.

O Xapón ten un sistema político democrático e pluripartidario. Todos os cidadáns adultos teñen o dereito ao voto e a concorreren nas eleccións nacionais e locais. Hai seis grandes partidos políticos. O máis forte deles, o Partido Liberal Democrata, está no poder desde 1955.

O Xapón ten un réxime monárquico. Consonte coa constitución xaponesa, o emperador é o símbolo do Estado e da unidade do pobo. El non posúe poderes relacionados ao Goberno.

A monarquía xaponesa é a máis antiga monarquía ininterrompida do mundo. O actual emperador, Akihito, subiu ao trono en 1989. El e maila súa esposa, a emperatriz Michiko, teñen tres fillos. O emperador e demais membros da familia imperial viven no Palacio Imperial de Toquio.

Poderes[editar | editar a fonte]

Poder Executivo[editar | editar a fonte]

Hai un parlamento electo polo pobo, a Dieta, que elixe o primeiro-ministro. O primeiro-ministro é o gobernante de feito e é membro da Dieta. O primeiro-ministro nomea o Gabinete. Cada ministro (membro do Gabinete) dirixe un dos ministerios do Goberno.

Após a derrota do Xapón na II Guerra Mundial, un dos obxectivos das tropas aliadas de ocupación foi asentar as bases dun goberno democrático. O paso decisivo foi a constitución de 1946, que privou o emperador do poder absoluto. O executivo ficou a cargo dun gabinete, presidido polo primeiro-ministro, escollido pola Dieta (parlamento) entre os seus membros. O primeiro-ministro, a quen cabe escoller o seu gabinete, é o líder do partido maioritario ou dun dos partidos coligados.

Poder Lexislativo[editar | editar a fonte]

O Poder Lexislativo é exercido pola Dieta, que se compón de dúas cámaras: a Cámara dos Representantes, cuxos membros son electos cada catro anos por sufraxio universal, e a Cámara dos Conselleiros, electos cada seis anos por sufraxio universal, renovándose a metade del cada tres anos.

Poder Xudicial[editar | editar a fonte]

É un poder independente. Componse da Corte Suprema e dunha rede de tribunais de xerarquía gradativa.

Defensa[editar | editar a fonte]

A capacidade militar xaponesa está limitada polo Artigo 9 da Constitución do país, que prohibe explicitamente a creación de calquera forza armada de carácter naval, aéreo ou terrestre. Nos primeiros anos da posguerra, os Estados Unidos eran os encargados da defensa de Xapón. En 1950, porén, estalou a Guerra de Corea, sendo destinadas gran parte das forzas militares estadounidenses estacionadas no arquipélago a loitaren nese conflito; isto deixou a Xapón sen defensas suficientes en caso de ataque.

Así, creouse un órgano militar xaponés. Para evitar friccións co Artigo 9 da Constitución xaponesa, este órgano foi denominado Reserva Nacional de Policía; en 1952 foi establecida unha Axencia de Seguridade Nacional. En 1954, esta Axencia converteuse na Axencia de Defensa, e a Reserva Nacional de Policía cambiou o seu nome polo de Forzas de Autodefensa, compostas por unha Forza de Autodefensa Aérea, unha Forza de Autodefensa Terrestre e unha Forza de Autodefensa Marítima; as Forzas de Autodefensa están reguladas pola Lei de Forzas de Autodefensa de 1954 e colaboran coas forzas estadounidenses estacionadas en Xapón para defende-lo Estado, en virtude dun pacto bilateral entre os dous países.

A comezos do ano 2007, a Axencia de Defensa converteuse no Ministerio de Defensa, accedendo así este órgano gobernamental ó status e ós poderes propios dun Ministerio convencional.

As Forzas de Autodefensa reciben esta denominación para evitar friccións constitucionais; no entanto, diversas forzas políticas e parte da sociedade xaponesa opinan que son anticonstitucionais. A pesar disto, o Partido Liberal Democrático (de ideais conservadores e a principal forza política do país) considéraas constitucionais e claman pola modificación do Artigo 9 da Constitución para así poder denominalas oficialmente como unhas forzas armadas e dotalas das capacidades e funcións propias dunhas forzas armadas calquera.