Pisco (augardente)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pisco é o nome de dúas variedades de augardentes de uva, producidas en Chile e no Perú , elaboradas fundamentalmente mediante a destilación do produto da vide, como o brandy e o coñac, mais sen posuír unha prolongada crianza en barricas de madeira. Sóese incluír dentro da familia ou categoría dos brandy.

A práctica tradicional provén inicialmente do val de Pisco e posteriormente nas rexións de Lima, Ica, Arequipa, Moquegua e Tacna. Trátase dunha verba quechua que significa "ave" ou "paxaro".

Dende mediados do século XVI (1574), os españois comezaron a utilizar o nome Pisco cando os monxes da costa intensificaron a produción do aguardente de uva peruano, produto que rapidamente se converteu nunha bebida popular polas súas características particulares como ser incoloro e ter un alto grao alcóholico.

A variedade de aguardente de pisco producido no Chile ten un proceso de destilación, compoñentes e grao alcohólico diferentes, sendo porén distinto ao pisco producido no Perú.

Para o pisco do Peru as variedades de uvas principalmente utilizadas son as denominadas quebranta, uvina, mollar e negra para os piscos "non aromáticos"; a albilla, italia, moscatel e torontel empréganse nos piscos "aromáticos" e unha mistura de diversas uvas para o que en termos xerais se coñece como pisco "acholado". A variedade que se encontra no Perú procedente da destilación de mostos que non remataron a fermentación denomínase "mosto verde".

No aguardente chileno, a uva usada é a moscatel, en variedades diversas, ademais de, en menor medida, de uvas como Pedro Jiménez e torontel.

Controversia sobre a denominación[editar | editar a fonte]

Existe unha diferenza entre Perú e Chile acerca da exclusividade no uso do termo "pisco".

Perú defende que «pisco» trátase dunha denominación de orixe exclusiva (como o caso de Champagne), vinculada á cidade de Pisco e certos vales próximos produtores de uvas, e que por iso só debería ser utilizado polo produto elaborado nese país. Mentres, Chile sostén que se trata dun termo ou denominación xenérica (como viño ou whisky), defendendo que a denominación de orixe da súa variedade sexa «Pisco chileno».

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Austral Spectator. "Apuntes sobre Grapas, Piscos y Singanis". Viñas, Bodegas & Vinos de América del Sur. ISBN 987-20914-1-2.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pisco