Peso Constituínte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
1 peso [1]
A/: estrela dentro de escudo. 1.P. R/: anepigráfico liso.

O peso Constituínte foi unha moeda chilena de curso legal cuñada en Copiapó e utilizada na zona de Atacama e nos seus arredores durante a revolución liberal de 1859.

Historia[editar | editar a fonte]

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

En 1859, a provincia de Atacama levantouse en armas contra o Goberno de Manuel Montt na chamada Revolución Constituínte, centrada na cidade de Copiapó, co obxecto de derrocar tanto o Goberno como a Constitución de 1833. Á marxe de motivacións políticas de índole liberal, un dos detonantes da revolta foi a suba, por parte do Goberno, dos impostos ás exportacións do cobre, a prata e o ouro. O estoupido revolucionario, denominado "constituínte", tivo lugar o 5 de xaneiro de 1859, e Pedro León Gallo foi nomeado pola xunta revolucionaria como intendente de Atacama, e proclamado como tal polo pobo de Copiapó reunido en asemblea.[2][3]

Esta situación cortou calquera comunicación coa capital do país, o que, entre outras cousas, provocou a imposibilidade de enviar prata á capital desde a mina Chañarcillo, propiedade da familia Gallo e situada na zona revolucionaria, en Copiapó. A dobre consecuencia desta incomunicación foi tanto a escaseza de moeda oficial circulante na zona revolucionaria como a falta de prata na capital, que impedía ao estado a fabricación de moeda deste metal.[2]

A compra de armas lixeiras, municións e canóns que entraban pola baía de Caldera esixía a disposición de moeda de prata, e os "constituíntes" tiñan ao seu favor a abundante materia prima da mina de Chañarcillo. De inmediato decidiuse crear senllas moedas de prata de boa lei, con valores dun peso e de medio peso, das que se produciron 400.000 exemplares —390.000 dun peso e 10.000 de 50 centavos—. Estas moedas déronse en coñecer como as "Constituíntes" de Copiapó ou as "moedas de Pedro León Gallo". A súa creación non só favoreceu a importación e reactivou o comercio local, senón que lle deu pulo á Revolución.[2][3]

O proceso de cuñaxe[editar | editar a fonte]

50 centavos [4]
A/: estrela dentro de escudo. 50.C R/: anepigráfico liso.
  • Valor: 50 centavos = 4 reais.
  • Data: n/d (1859).
  • Ceca: Copiapó
  • Metal: prata.
  • Diámetro: 29 mm.
  • Peso: 10,20 g.

O propio Pedro León Gallo contribuíu para a produción das moedas con 1.000 marcos de prata en barras da súa propiedade, e a súa nai, dona da mina máis produtiva de Chañarcillo, puxo a disposición a existencia total das barras de prata que tiña nos seus almacéns de Copiapó.[2][3]

O estudo previo e a execución da produción encomendóuselle ao coronel de enxeñeiros Alselmo Carabantes. Cumpría inicialmente atopar cilindros para estirar a prata logo de reducila a pequenos lingotes; despois cortala en pezas de tamaño uniforme de xeito que todas tivesen idéntico peso e, finalmente, executar a cuñaxe.[2][3]

A Ceca de Copiapó estableceuse nun vello obradoiro de ferraría e fundición fronte á Praza de Armas, propiedade do arxentino Alejo Molina, onde tamén se produciron armas e canóns para o Exército Constituínte. Baixo a dirección de Carabantes contratouse como persoal, entre outros, dous mecánicos estadounidenses apelidados Brower, e un antigo xoieiro e reloxeiro francés, como gravador dos cuños.[2][3]

Cos equipamentos e as máquinas a vapor do propio obradoiro e os achegados polo francés, comezou a produción das moedas, ás que se lles estampou simplemente unha versión simplificada do escudo de Chile coa súa característica estrela central, así como a incicación abreviada do seu valor nominal. As primeiras doce probas dos pesos e medios pesos Constituíntes, presentáronselle a Gallo no campamento de Pichincha; tiñan a mesma cantidade de prata fina que os cuñados polo Goberno en Santiago.[2][3]

Pedro León Gallo, impulsor do peso Constituínte.

A Ceca de Copiapó non só cuñaba para o novo poder revolucionario, senón que calquera cidadán podía achegar o seu metal para o converter en moeda, cunha comisión do 6% por custos de produción. Estímase que das 400.000 moedas cuñadas, 100.000 foron encargadas polo exército revolucionario e 100.000 por particulares.[2][3]

Á parte das moedas, Pedro León Gallo mandou emitir tamén vales revolucionarios en pesos Constituíntes, que contaban co amparo da súa especie en prata.[2]

Desenlace[editar | editar a fonte]

O 29 de abril de 1859 tivo lugar no lugar coñecido como Cerro Grande, preto de La Serena un enfrontamento coas tropas do Goberno que acabou coa derrota total dos insurxentes, encabezados polo propio Gallo, que fora nomeado xeneral. Substituíronse as autoridades por outras fieis ao Goberno e, entre outros, publicouse un decreto polo que se prohibía a circulación dos pesos Constituíntes e se sinalaba un prazo de 15 días para que a os cidadáns levasen as súas moedas á Ceca de Copiapó para que alí se fundisen novamente en barras de prata, baixo pena de multa por falsificación de moeda e desobediencia para os incumpridores desta norma.[2]

Os exemplares que non foron fundidos e que hoxe se conservan teñen un prezo no mercado do coleccionismo que oscila entre os 100 e os 300 euros, en función do seu estado de conservación.[5][6]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Covarrubias Ortúzar, L. (1917). Monedas Chilenas desde la Independencia hasta la fecha. Imprenta Universitaria, Santiago.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]