Partido Comunista de España (marxista-leninista), 1964

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Partido Comunista de España (marxista-leninista) foi un partido comunista español formado en decembro de 1964 por tres pequenos grupos escindidos a comezos de ano do Partido Comunista de España desconformes coa política de conciliación nacional e que xa estaban desconformes desde o XX Congreso do PCUS (1956) ao considerar a política de Kruschev revisionista, seguiu a liña maoísta do Partido Comunista de China ata 1976 cando tomou partido polo Partido do Traballo de Albania no seu enfrontamento co Partido Comunista chinés. O seu órgano de difusión era a revista Revolución Española e desde 1977 Vanguardia Obrera. As súas mocidades estaban encadradas na Juventud Comunista de España (marxista-leninista).

En 1968 sufriu unha escisión ao marchar unha parte dos seus militantes para formar a Organización Marxista Leninista de España, en xaneiro de 1971 nunha xuntanza celebrada en París participou no establecemento da Frente Revolucionario Antifascista y Patriota (FRAP) que celebrou a súa conferencia constituinte en 1974 e que tiña como función a realización de accións armadas contra o réxime de Francisco Franco.

No contorno do PCE (m-l) movíanse outras frontes, a Convención Republicana de los Pueblos de España e a Unión Popular Antifascista. En 1981 sofreu unha escisión que formou un PCE (m-l) paralelo e en 1991 o principal líder do partido, Raúl Marco deixou o partido e fundou o Colectivo Octubre que deu orixe á Organización Comunista Octubre. En 1992 o VI Congreso do PCE (m-l) decidiu disolver o partido.

Galicia[editar | editar a fonte]

En Galicia o primeiro núcleo do PCE (m-l) xurdiu en 1967 formado por estudantes da Universidade de Santiago de Compostela[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Fermí Rubiralta, De Castelao a Mao. Laiovento, 1998 pax. 75