O camelo Xian-si

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O camelo Xian-si (en chinés tradicional 駱駝祥子, en chinés simplificado 骆驼祥子 e en pinxín Luòtuo Xiángzi) é a máis coñecida das obras do escritor chinés do século XX Lao Xe.

Características[editar | editar a fonte]

A obra foi publicada en 1936 e describe os dramas cotiáns dun rapaz que emigra do campo para a cidade, onde vive de guiar unha 'carriña', medio de transporte tradicional do extremo oriente que consiste nunha pequena cabina de pasaxeiros levada por un ser humano a correr diante, como se fose un cabalo. A obra, como moitas desta época de Lao Xe, está ambientada no Beixín dos anos vinte.

Como declarara Lao Xe no seu día, este non é un libro sobre camelos, e si sobre Xian-si, que é o nome do rapaz, e que significa 'afortunado'. Xian-si ten por todo obxectivo posuír unha carriña de seu. Porén, malia a boa vontade e a laboriosidade do mozo, a guerra e unha sociedade onde o diñeiro é rei acabarán por arrastralo.

O camelo Xian-si considérase fito fundamental na literatura chinesa do século XX. Interpretada como unha acusación do antigo réxime, foi incluída nos manuais escolares e na listaxe de lecturas obrigatorias de distintas rexións chinesas para a boa educación das masas proletarias.

Traducións[editar | editar a fonte]

En galego nunca foi traducido, nin total nin parcialmente.

A primeira versión en inglés foi publicada en 1945 e incorpora algunhas mudanzas importantes non autorizadas polo propio Lao Xe. Entre estas modificacións destaca o final, que coa tradución acabou sendo feliz. O libro, que xa fora un éxito en China, acadou a categoría de bestseller nos Estados Unidos e no Reino Unido nesta tradución libre.

Filmes[editar | editar a fonte]

  • O camelo Xian-si (Luo tuo Xiang Zi / Rickshaw Boy), 1982, dirixida por Zifeng Ling.