O burgomestre de Delft e a súa filla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O burgomestre de Delft e a súa filla
("Adolf en Catharina Croeser aan de Oude Delft")
ArtistaJan Steen
Data1655
TécnicaÓleo sobre lenzo
MovementoBarroco
Dimensións82,5 cm × 68,5 cm
LocalizaciónRijksmuseum (Ámsterdam)

O burgomestre de Delft e a súa filla (ou coa variante "alcalde" en lugar de "burgomestre")[1], coñecido tamén, sobre todo na tradición holandesa, como Adolf e Catharina Croeser na Vella Delft (en neerlandésAdolf en Catharina Croeser aan de Oude Delft), é o nome co que se coñece unha pintura ao óleo sobre lenzo de 1655, do pintor holandés Jan Steen.[2]

Descrición e interpretación[editar | editar a fonte]

Autorretrato de Jan Steen (1670). Galería de Honra do Rijksmuseum

O cadro está asinado no bordo dun chanzo das escaleiras e datado en 1655, e pintouse sobre un lenzo de 32,5 por 27 polgadas. Trátase dun bo exemplo da idade de ouro da pintura holandesa e forma parte da colección do Rijksmuseum.

Esta pintura foi documentada por Hofstede de Groot en 1910, quen escribiu:

"878. Chamado retrato do burgomestre de Delft e a súa filla. O home está sentado no centro, nas escaleiras diante da súa casa; terma dunha folla de papel. A súa filla baixa dous pasos á esquerda cara ao espectador. O home viste de negro; a moza ten unha saia azul e un vestido gris púrpura.

Unha mendicante de vermello cun cativo diríxese cara ao home pola dereita. Na distancia, á dereita, vese a torre da Igrexa Vella de Delft, e á esquerda da cabeza do home hai unha torre pequena. Unha ponte de pedra coas armas da cidade leva á cidade vella de Delft.

Á esquerda, na fiestra da casa, hai un ramo de flores nun vaso. A casa proxéctase lixeiramente diante das outras casas da rúa. A follaxe das árbores cobre parte da imaxe".[3]

A partir da venda do cadro en 1808, empezou a ser coñecido como "O burgomestre de Delft e a súa filla". Se a tradición é correcta, as persoas representadas nel son Geraldo Briel van Welhoeck (1593-1665) e a súa filla, nada en 1638 e casada en 1656 con Adriaan Bogaert van Beloys.[4]

Rastrexabilidade da obra[editar | editar a fonte]

  • Venda de Michael Engelberts e Ian Tersteeg. Ámsterdam. 13 de xuño de 1808. Número 142. Comprado polo comerciante de arte Nieuwenhuys por 75 floríns.
  • Domsert, Londres. 1811. Comprado a Nieuwenhuys por Lord Penrhyn, quen o incorporou á súa colección do Castelo de Penrhyn", onde permaneceu máis dun século.
  • A pintura foi vendida ao Rijksmuseum en xullo de 2004 por 11,9 millóns de euros, o que supuxo o cadro máis caro comprado polo museo.[5] O Goberno británico atrasou a emisión da necesaria licenza de exportación para lles dar ás institucións británicas a posibilidade de comprar o cadro, mais tras a retirada da oferta da única institución inicialmente interesada, a licenza de exportación foi emitida finalmente.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O DRAG define "burgomestre" como: Primeiro maxistrado municipal dalgunhas cidades en países como Alemaña, Suíza, Holanda ou Bélxica.
  2. Ficha do cadro na base de datos do Instituto de Historia da Arte dos Países Baixos (Nederlands Instituut voor Kunstgeshiedenis). (En neerlandés)
  3. Hostede De Groot, Cornelis. A Catalogue Raisoné of the Works of the Most Eminente Dutch Painters of the Seventeenth Century. Macmillan and Co. Londres. 1908. Páxina 241. (En inglés)
  4. "True identity discovered of persons on masterpiece Jan Steen Arquivado 25 de outubro de 2017 en Wayback Machine.". Universidade de Amsterdam. 21 de decembro de 2006. (En inglés)
  5. "Rijksmuseum verwerft schilderij van Jan Steen" En Nrc.nl. 16 de agosto de 2004. (En neerlandés)
  6. "Reabre o Rijksmuseum, a catedral da arte holandés" (sic). En Faro de Vigo. Arte. 14 de abril de 2013. (En galego) "A leiteira" e "Muller lendo unha carta", de Johannes Vermeer; "O alegre bebedor" de Frans Hals; "O alcalde de Delft coa súa filla" de Jan Steen e outras pinturas de Rembrandt como "A noiva xudía" ou "Autorretrato de moza" son outros dos tesouros do Século de Ouro holandés que alberga o "Museo do Reino".

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Grijzenhout, Frans. The burgher of Delft : a painting by Jan Steen. Amsterdam Rijksmuseum. Amsterdam. 2006. [ISBN 9789086890217] (en inglés)
  • Vinken, Pierre Jacques. "Een embleem van Coornhert als bron van Jan Steens zogenaamde 'Burgemeester van Delft'"[1]. En Oud Holland. Vol. 112, No. 4 (1998), pp. 253–258. (En neerlandés)
  • Wouter Kloek. Jan Steen (1626-1679). Waanders Publishers. Amsterdam. 2005. [ISBN 9789040089916] (en neerlandés)