Martin Strel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Martin Strel, nado o 1 de outubro de 1954 en Mokronog, Eslovenia, é un nadador de longa distancia, especialista en natación fluvial e o primeiro que nadou todo o percorrido do Amazonas.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nos anos noventa comezou nadando en ríos eslovenos. En 1992 nadou os 105 kms do Krka en 28 horas e ao ano seguinte os 62 kms do río Kolpa en 16 horas.

En 2000 nadou todo o río Danubio (2860 km), e ese mesmo ano bateu o record de natación de longa distancia ao conseguir percorrer 3004 kms en 58 días. En xullo de 2001 conseguir bater unha nova plusmarca, desta volta a de nadar sen interrupción, conseguindo facer 504 kms sen parar no Danubio, en 84 horas e 10 minutos. En 2002 conseguiu facer todo o percorrido do río Mississippi (3885 km) en 68 días.

En 2003, nadou o río Paraná (3998 km). O 10 de xuño de 2004, Martin comezou a nadar o río Iangtsé (6300 km), o maior de Asia e o terceiro do mundo, e conseguiu chegar ao porto de Xangai en 40 días o 30 de xullo, un día antes do que previra.

O 1 de febreiro de 2007 iniciou o nado do Amazonas, que concluíu na súa desembocadura de Belém do Pará o 7 de abril, 66 días despois. Estabeleceu así un novo record da natación de distancia, con 5428 km, máis có largo do Océano Atlántico. O seu seguinte reto podería ser o Nilo, o río máis longo do mundo, pero el mesmo recoñece que non cre que haxa ninguén que o poida facer.

Técnica[editar | editar a fonte]

Nas probas de longa distancia en varias xornadas, Strel dorme unicamente cinco horas diarias. Bota longos meses de adestramento, e tamén longos meses despois de cada proba para que o seu corpo recupere o estado natural, logo de exercicio físico tan intenso.

A súa frase é "Nado a prol da paz, a amizade, e as augas limpas" (Plavam za mir, prijateljstvo in čiste vode, en esloveno).

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]