Mario Armando Lavandeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Perezhiltonblue.jpg

Mario Armando Lavandeira, nado en Miami (Florida) o 23 de marzo de 1978, é un xornalista blogueiro estadounidense, especializado en novas rosas e ruxerruxes. O seu pseudónimo é Perez Hilton, imitando o nome da actriz Paris Hilton. É neto de galegos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Antes de comezar coa súa carreira de blogueiro, foi axudante de comunicación na GLAAD, unha asociación que loita contra a homofobia nos medios de comunicación e traballou e dirixiu diversas revistas gais. A finais de 2004 abre o seu primeiro blog, chamado PageSixSixSix, que se converte nunha referencia da prensa rosa na costa oeste estadounidense, e que en só seis meses recibe o cualificativo da web máis odiada de Hollywood. En 2006 pecha ese blog e abre PerezHilton, co título do seu pseudónimo, o blog co que se fixo mundialmente famoso. El mesmo[1] sinala que tiña en xullo de 2007 case nove millóns de páxinas vistas nun só día. En setembro de 2007 iniciou a súa primeira experiencia televisiva como condutor da serie de seis episodios O que larga Pérez (What Perez Sez) na canle VH1[2].

A súa carreira profesional céntrase en ruxerruxes da vida persoal de actores e cantantes, o que lle provocou numerosas críticas. Ademais dos seus acertos, tamén ten cometido grandes erros, como cando o 17 de agosto de 2007 Lavandeira anunciou a morte de Fidel Castro. Tamén é coñecido pola súa posición anti-homofóbica, denunciando no seu blog comentarios ou actitudes en contra da homosexualidade, así como polo coming-out (desvelar publicamente a homosexualidade) de políticos que votaron contra leis que favorecían a gais e lesbianas, pero tamén de coñecidos cantantes, actores ou xornalistas.

O seu estilo é ácido e informal, e abonda en montaxes fotográficas.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Os seus pais son cubanos emigrados a Miami, pero de procedencia galega[3]. Na actualidade vive nos Ánxeles.

Recoñécese amigo da actriz Paris Hilton.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]