Makemake

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Makemake, tamén coñecido como Make-Make, é un deus polinésico presente na mitoloxía rapanui da Illa de Pascua.

Descrición[editar | editar a fonte]

Figura de Make-Make esculpido en pedra.

Na mitoloxía de Rapa Nui era considerado como o creador do mundo. Ó ser unha illa moi afastada, co paso do tempo, as peticións do Pobo rapanui cara os deuses, estaban moi ligadas á adquisición de alimentos. Debido a iso, Make Make, a lendaria deidade de orixe guerreiro (matato’a), desprazaría ó case esquecido Haua, así como tamén a Tangaroa, a maior divindade polinésica. Por iso Makemake está igualmente relacionado coa fertilidade.

Posteriormente os conflitos internos, no cal foron destruídos a gran maioría dos moais, fixeron que xurdise como resposta, un diferente culto a Makemake; agora presente na cerimonia do Tangata Manu (home-paxaro), na que os distintos clans competían anualmente polo poder político na illa.

Lenda[editar | editar a fonte]

A lenda di que logo de que Makemake crease a Terra sentía que lle faltaba algo. Pero sucedeu que un día tomou unha cabaza que contiña auga, e abraiado decatouse de que ó ollar na auga vía a súa faciana nela. Makemake saudou á súa imaxe mentres un paxaro se pousaba no seu ombreiro. Observando a gran semellanza entre a súa imaxe e a do paxaro, tomou o seu reflexo e mesturouno co do paxaro, xurdindo así o seu primoxénito.

Pero a pesar diso, Makemake igualmente pensou en crear un ser que tivese a súa imaxe, que falara e pensara como el o desexaba. Primeiramente fecundou as augas do mar, e produto diso apareceron os peixes. Pero como o resultado non foi o agardado, posteriormente procedeu a fecundar unha pedra na que había terra colorada, e dela xurdiu o home.

Make-Make estaba moi ledo ó crear o home como a criatura que el desexaba; e como observou que este víase moi só, posteriormente crearía tamén á muller.

Moito tempo despois, Makemake apareceríaselle en soños a Hau-Maka, e indicaríalle como chegar a unha illa inhabitada (a Illa de Pascua), para que nese lugar tivesen o seu novo fogar o Rei Hotu Matu'a e o seu pobo.

Posteriormente, Makemake xunto a Haua, levarían as aves ata os motu (illotes) fronte a Rano Kau; para que así se lles rendese culto mediante a cerimonia anual de Tangata Manu (o home-paxaro).

Obxecto astronómico[editar | editar a fonte]

Recentemente, a Unión Astronómica Internacional asignou a denominación Makemake (planeta anano) ó obxecto transneptuniano coñecido anteriormente como 2005 FY, sendo o cuarto planeta anano recoñecido como tal, e o primeiro que se corresponde cun deus da Mitoloxía rapanui.