Tangata Manu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Petroglifos sobre rochas en Orongo. Makemake na base e dous homes-paxaros enriba. Os illotes de Motu Nui, Motu Iti e Motu Kau Kau vense sobre o borde destas rochas.

O Tangata manu (Home-Paxaro), era o gañador dunha competición tradicional na Illa de Pascua (Rapa Nui). O ritual era unha competición anual para obter o primeiro ovo da estación do paxaro Onychoprion fuscata (manu tara) no illote de Motu Nui (illa dos Homes-paxaro), nadar de regreso a Rapa Nui e rubir o cantil de Rano Kau ata o cumio preto do poboado de Orongo. Esta cerimonia de primavera era en honor de Makemake (deus creador), e comezaba coa chegada do primeiro ovo e remataba coa investidura do Tangata Manu, o sagrado "Home-Paxaro" da illa de Pascua.

Culto[editar | editar a fonte]

Mitoloxía[editar | editar a fonte]

Makemake era o deus xefe do culto do home-paxaro, os outros tres deuses asociados a el eran Hawa-tuu-take-take (o señor dos ovos) a súa esposa Vie Hoa e Vie Kanatea.

Descrición da cerimonia[editar | editar a fonte]

Cada ano, os representantes das diferentes tribos rapanui, subían ó volcán Rano Kau para festexar no centro cerimonial de Orongo, a nova competición para a elección do Tangata Manu, quen exercía durante un ano a xefatura política e militar da illa.

Os contendentes eran elixidos en soños polos ivi-attuas (individuos con don da profecía). Os candidatos sinalaban un hopu (un corredor), que nadaría a Motu Nui e alcanzaríalle o ovo, mentres os candidatos agardaban en Orongo. A xusta era moi perigosa e moitos hopu morrían devorados por quenllas, afogados ou por caídas.

Unha vez que o hopu lle entregaba o ovo ó candidato, acendían un lume cara terra adentro do volcán Rano Kao; a localización do lume anunciaba a toda a illa se o novo Tangata manu era de clans occidentais ou orientais.

O gañador recibía un novo nome e o título de Tangata manu, e un gran poder na illa, incluído o de que o seu clan tivese os dereitos únicos de facer a recolección da estación dos ovos e dos pitos das aves mariñas de Motu Nui. O Tangata manu dirixía entón unha danza costa abaixo do volcán Rano Kao e seguía ata Anakena se era de clans occidentais ou ata Rano Raraku se era de clans orientais.

Orongo, que é o cumio do volcán extinto Rano Kao que estaba enfronte ó illote Motu Nui, era un lugar de culto. Alí os homes máis poderosos da illa agardaban cada ano a chegada das andoriñas de mar que aniñaban. Facíano sentados durante semanas nas casas de pedra semi-subterráneas orientadas cara Motu Nui. A competición efectuábase nadando sobre un flotador de totora chamado pora. O gañador convertíase en algo similar a unha divindade, afeitábano e pintábanlle a cabeza de vermello e logo conducíano a unha cabana sagrada en Rano Raraku, onde permanecía illado durante un ano. Era alimentado por criadas especiais e recibía o rango sagrado de Tangata Manu (home–paxaro do ano). As ruínas de Orongo aínda conservan as decoracións pictográficas de homes–paxaros representados con longos e encorvados picos.

O culto do home-paxaro foi suprimido por misioneiros cristiáns na década de 1860. A orixe do culto e a súa duración son descoñecidos, así como se descoñece tamén se este culto substituíu á relixión relacionada cos Moai ou se coexistira con ela.