Mémoires de ma vie

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Mémoires de ma vie (en galego Memorias da miña vida) é un libro autobiográfico escrito por François-René de Chateaubriand e publicado en conxunto en 1848.

Historia do texto[editar | editar a fonte]

A primeira vez en que Chateaubriand concibe a idea de escribir unha autobiografía é en 1803 e en 1822 ten redactados xa os tres primeiros capítulos. Dálle este avance a Juliette Récamier, unha axente cultural e literaria da Francia napoleónica, que os copia e os fixa en 1826. Porén, entre 1830 e 1832 Chateaubriand decide retomar o manuscrito, mudalo e amplialo cubrindo todo o percorrido da súa vida. O conxunto das súas memorias foron publicadas en 1848, de forma póstuma, baixo o título de Mémoires d'outre-tombe, se ben algúns capítulos se publicaron en xornais previamente, en vida do autor.

O manuscrito deses tres primeiros capítulos, na versión inicial de 1826, publicáronse por primeira vez en 1874.

Estrutura[editar | editar a fonte]

O libro, de extensión breve, está dividido en tres capítulos (chamados libros) e mais un prólogo, incluído dentro do capítulo primeiro, e onde reflexiona sobre os motivos de redactar unha autobiografía. O capítulo primeiro céntrase nos seus primeiros anos de vida, na súa familia, na descrición xenealóxica dos seus devanceiros, e na súa primeira infancia en Saint-Malo, e remata coa chegada do neno, de sete anos, ao castelo de Combourg. O capítulo segundo trata da súa formación, primeiro nunha escola en Dol e logo noutra en Rennes, onde toma contacto coas letras, coa matemática, e en particular coas linguas clásicas (latín e grego). Despois de tentar acceder á Mariña francesa, volta ao castelo familiar de Combourg. No terceiro capítulo, escrito catro anos despois dos anteriores[1], Chateaubriand aborda a súa adolescencia solitaria no castelo e remata coa decisión paterna de envialo como tenente a un rexemento do exército francés. Neste capítulo, onde describe as actividades que desenvolvía no castelo (ler, cazar, pescar), dedícalle un grande espazo á súa irmá Lucile, a quen o unía unha estreita amizade. De feito, o capítulo inclúe tres cartas da irmá, de época posterior á narrada.

Galiza[editar | editar a fonte]

Chateaubriand relata nas primeiras páxinas do libro a vida de seu pai, e como este naufraga nas costas españolas, foi atacado por ladróns en Galiza[2] e regresa a Francia por Baiona.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Chateaubriand, Mémoires de ma vie: Manuscrit de 1826, J.M. Gautier (ed.), Xenebra: Librairie Droz, 1976, p. 104
  2. Chateaubriand, Mémoires de ma vie: Manuscrit de 1826, J.M. Gautier (ed.), Xenebra: Librairie Droz, 1976, p. 28: [il] fut attaqué par des voleurs dans la Galice