Liga Nacional de Fútbol Sala

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Logo.

A Liga Nacional de Fútbol Sala, ou LNFS, é unha asociación deportiva integrada polos clubs que participan nas competicións profesionais de fútbol sala en España. Foi fundada en 1989, e a súa misión principal é organizar os torneos de liga de Primeira División e Segunda División, así como a Copa de España e a Supercopa de España. Dende o ano 2010 tamén organiza a Copa do Rei a medias coa RFEF. As divisións inferiores (dende a Segunda División B para abaixo) non son competencia da LNFS, senón do Comité Nacional de Fútbol Sala, que forma parte da Real Federación Española de Fútbol.

Dende 2009 está presidida por Javier Lozano Cid.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Antes da creación do campionato profesional, os distintos equipos de fútbol sala disputaban torneos adscritos a dúas federacións: a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) e a Federación Española de Fútbol Sala (FEFS). Todos eses torneos foron considerados non oficiais posteriormente.

O Consello Superior de Deportes intermediou para que ambas partes chegasen a un acordo, que supuxo a creación dun campionato de liga profesional que reunise ós clubs de ambas federacións. Dito torneo constaría dunha División de Honra con 4 grupos de 12 equipos, e dunha Primeira Nacional que reuniría a máis de 100 equipos de toda España. A creación da Liga Nacional de Fútbol Sala foi aprobada o 28 de agosto de 1989, e a primeira xornada do novo campionato levouse a cabo o 30 de setembro dese mesmo ano, coa aprobación do CSD e da RFEF. O primeiro presidente da LNFS foi Aurelio Gómez Araujo.

Torneos que organiza[editar | editar a fonte]

  • Primeira División: Chamada "División de Honra" ate 2011, recibe o nome de "Liga Marca de Fútbol Sala" por razóns de patrocinio. Creada en 1989, ten pasado por multitude de formatos. Na tempada 2012/13 consiste nunha liga convencional, composta por 14 equipos que disputan unha fase regular de 26 xornadas na que cada equipo se enfronta ó resto en dúas voltas. Ó remate da tempada regular comezan as eliminatorias polo título, comezando nos cuartos de final, pasando por semifinais, e rematando coa final. As eliminatorias non son a un único encontro, senón a varios. O número varía dun ano a outro.
  • Segunda División: Chamada "División de Prata" ate 2011. Creada en 1993, tamén pasou por varias estruturas. Na tempada 2012/13 conta con 14 equipos que disputan unha liga regular de 26 xornadas con 2 voltas. Ó remate da tempada lévanse a cabo as eliminatorias para determinar os equipos que ascenden a Primeira División, quedando excluídos desta fase de ascenso os equipos filiais.
  • Copa de España: Creada en 1990, consiste nun torneo eliminatorio no que compiten os 8 primeiros clasificados na táboa de Primeira División ó remate da primeira volta da liga. Tódolos encontros de cada edición (4 de cuartos de final, 2 de semifinais e 1 da final) teñen lugar nunha mesma sede ó longo dunha semana, normalmente entre xoves e domingo. O campión acada o dereito de disputar a Supercopa de España fronte ó campión de Primeira División.
  • Supercopa de España: Creada en 1990, durante moitos anos enfrontou ó campión da Primeira División co campión da Copa de España. No caso de que o campión de ámbolos dous torneos fose o mesmo equipo, o título era entregado directamente. Dende 2006 disputan a Supercopa 4 equipos: o campión da Primeira División, o campión da Copa de España, o subcampión de Primeira División e o equipo anfitrión. Así pois a Supercopa consiste en dúas semifinais e unha final, que se disputan nunha mesma sede e nun mesmo fin de semana, coincidindo co comezo da tempada.
  • Copa do Rei: Creada en 2010, a LNFS é co-organizadora deste torneo, en colaboración coa RFEF. Na competición participan equipos profesionais e semiprofesionais, pois entran tódolos de Primeira División, tódolos de Segunda División e tódolos de Segunda División B (competición semiprofesional non dependente da LNFS). Están excluídos do torneo os equipos filiais. Na 1ª Rolda participan tan só equipos de Segunda División B. Os equipos de Segunda División entran a competir na 2ª Rolda do torneo, e os equipos de Primeira División entran na 3ª Rolda. Tódalas roldas son a encontro único salvo as semifinais. A final dispútase en campo neutral.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]