Laetoli

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sitio de Laetoli en febreiro de 2006

Laetoli é un sitio paleontolóxico que se localiza a 45 km ao suroeste da garganta de Olduvai, en Tanzania, próximo ao Parque Nacional do Serengeti.

En 1978 Mary Leakey atopou pisadas de homínidos dunha antigüidade de 3,7 millóns de anos. Tres homínidos camiñaran cara o norte, e deixaran cos seus pés pisadas moi ben definidas na cinsa volcánica, que por mor da chuvia se convertera en lama, procedente dunha das erupcións do volcán Sadiman, situado a vinte quilómetros. Dous homínidos ían por diante e outro seguíaos pisando nas súas pegadas, polo que ás veces se fai difícil seguir o seu trazado. As pisadas demostran que camiñaban erguidos habitualmente, de igual xeito a como o fai un humano moderno. O segundo homínido é moito máis pequeno, seguramente unha femia ou unha cría.

homínido 1 homínido 2
longo da pisada 21,5 cm 18,5 cm
largo da pisada 10 cm 8,8 cm
alancadas 47,2 cm 28,7 cm
reconstrución da altura 1,34-1,56 m 1,15-1,34 m

No mesmo sitio descubríronse restos de mandíbulas e dentes, presumiblemente de Australopithecus afarensis. Tamén se descubriron pisadas de outras vinte especies animais: hienas, babuínos, xabarís, xirafas, gacelas, rinocerontes, etc.