Juhani Aho

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Juhani Aho

Johannes Brofeldt, coñecido como Juhani Aho, nado en Lapinlahti en 1861 e finado en Helsinki en 1921, foi o primeiro escritor profesional finlandés[Cómpre referencia].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Escribiu numerosos relatos e novelas. Comezou a escribir en sueco no seus anos de instituto, pero por influencia de Runeberg traduciunos ao finlandés, lingua que adoptará como propia. Durante os seus anos na Universidade estivo moi vencellado ao círculo literario formado arredor da nai de Arvid Järnefelt, que deu orixe ao grupo coñecido como Nuori Suomi (Nova Finlandia).

Obras[editar | editar a fonte]

  • Rautatie (O ferrocaril) foi a primeira novela de Aho, editada en 1884, contando nun estilo realista e humorístico a primeira viaxe en tren dunha parella de vellos campesiños.
  • Papin tytär (A filla do crego), 1885, historia da iniciación á vida dunha rapaza nova.
  • Helsinkiin (Cara a Helsinki), 1889, relato nun tono máis realista e comprometido centrado na vida dos estudantes.
  • Yksin (So), 1890, describindo a viaxe a París dun home sen esperanzas.
  • Papin rouva (A dona do crego), 1893, continuación de Papin tytär
  • Panu, 1897, novela histórica
  • Kevät ja takatalvi (Primavera e inverno serodio) 1906, a máis erótica das súas obras
  • Juha 1911