Juana de Ibarbourou

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Juana de Ibarbourou

Juana Fernández Morales, máis coñecida como Juana de Ibarbourou, nada en Melo o 8 de marzo de 1892 e finada en Montevideo o 15 de xullo de 1979, foi unha poetisa uruguaia de orixe galega. Está considerada unha das máis grandes escritoras de América Latina do século XX.

Biografía[editar | editar a fonte]

Aínda que ela afirmaba que nacera en 1895, segundo o Rexistro Civil naceu en 1892, co nome de Juana Fernández Morales. O seu pai, de Lourenzá, emigrara ao río da Prata na década de 1880, establecéndose na cidade de Melo, no Departamento de Cerro Largo. A súa nai pertencía a unha das familias españolas máis antigas do Uruguai[1]. Pasou a ser coñecida como Juana de Ibarbourou ao casar co capitán Lucas de Ibarbourou aos vinte anos.

Acadou unha grande popularidade polas súas primeiras escolmas de poemas. No ano 1947 foi elixida membro da Academia uruguaia, e en 1959 foille concedido o Premio Nacional de Literatura, outorgado ese ano por primeira vez. As súas obras están marcadas polo modernismo e, temáticamente, loan e exaltan a maternidade, a beleza física e a natureza, con certo lastre retórico.

Na súa obra influiu a súa orixe galega por parte paterna, e como proba de tal vencello quedaron os vestixios que a mesma Galicia deixou na súa poesía, e a pegada da escritora galega Rosalía de Castro cuxos versos escoitara de nena da man do seu pai[2].

Ademais da súa prosa, a lembranza da escritora polo amor á terra do seu pai, tamén aparece reflectido nos seus versos:

Patria de mi padre, luminosa y grande,
Qué profundamente te quiero también.
Me crié soñando con tu maravilla,
No quiero morirme sin verte una vez.
Cuando a ti yo llegue, has de conocerme
Por el gozo trémulo, por la palidez,
Por la emoción honda de risa y de llanto,
Por el canto puro que te llevaré.
Con el niño mío, que también te ama,
¡oh! Galicia mía, hemos de traer,
a la tierra india que amparó a mi padre,
de tu hechizo y tu placidez.

Non hai dúbida que, segundo as súas propias palabras, a alma de Juana sentíase moi galega, algo que os seus coñecían, non en balde o seu propio marido chamábaa agarimosamente "la galleguita", tal e como ela contou con motivo da inauguración o 8 de xuño de 1963 en Lourenzá, concello do seu pai, dunha biblioteca que levaría o nome de ambos os dous: "Biblioteca Vicente e Juanita Fernández".

Débense engadir a todo iso as palabras de Dora Isella Russel atopadas na biografía da poetisa, sobre a profundidade desa "herdanza paterna":

O pai, pois, naceu en Galicia, nesa terra doce e recia que se fai amar polos seus fillos vaian onde vaian; de el herda a nena un sentimento profundo que a ligará estreitamente sempre, ás cousas que constitúan o seu cotián universo[3]

Os seus tres primeiros libros, de estilo modernista, foron o poemario Las lenguas de diamante (1919), a colección de prosa poética El cántaro fresco (1920) e o poemario Raíz salvaje (1922). Tiveron repercusión internacional e foron traducidos a varias linguas.

A orixinalidade do seu estilo consistiu en unir o rico cromatismo con imaxes modernistas, dándolle un sentido optimista da vida, cunha linguaxe sinxela, sen complexidades conceptuais, que redunda nunha expresividade fresca e natural. A partir de entón, publicou máis de trinta libros, a maioría dos cales foron coleccións de poesía, aínda que escribiu tamén memorias da súa infancia, como Chico Carlo (1944), e un libro para nenos (ver Obras). A súa ampla popularidade fíxoa merecedora do sobrenome de Juana de América, co que se lle rendeu unha homenaxe oficial en 1929. Pola súa banda, ela declarouse "filla da natureza".

Os seus derradeiros anos de vida viviunos soa e recluída nunha antiga residencia solariega situada na Avenida 8 de octubre fronte á rúa Mariano Moreno, nos límites do barrio de La Unión de Montevideo, onde faleceu en 1979[4].

O 10 de agosto do ano 2007 foille concedido o título póstumo de ¨Filla adoptiva de Lourenzá¨[5], vila da que procedían os seus devanceiros galegos.

Billete de mil pesos uruguaios co rostro de Juana de Ibarbourou.

Obras[editar | editar a fonte]

En verso[editar | editar a fonte]

  • Las lenguas de diamante (1919)
  • Raíz salvaje (1922)
  • La rosa de los vientos (1930)
  • Perdida (1950)
  • Azor (1953)
  • Mensaje del escriba (1953)
  • Romances del Destino (1955)
  • Angor Dei (1967)
  • Elegía (1968)
  • Obra completa (Acervo del Estado) (1992, cinco volumes ao coidado de Jorge Arbeleche)

En prosa[editar | editar a fonte]

  • Cántaro fresco (1920)
  • Ejemplario (1928, libro de lectura para nenos)
  • Loores de Nuestra Señora (1934, comentario aos nomes da Virxe María)
  • Estampas de la Biblia (1934)
  • Chico Carlo (1944, contos autobiográficos sobre a súa infancia)
  • Los sueños de Natacha (1945, teatro infantil sobre temas clásicos)
  • Canto Rodado (1958)
  • Juan Soldado (1971, colección de dezaoito relatos)

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Juana de Ibarbourou Modificar a ligazón no Wikidata

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]