José Castiñeira Pardo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
José Castiñeira Pardo
Nacemento23 de febreiro de 1928
Lugar de nacementoAspai
Falecemento31 de outubro de 1989
Lugar de falecementoLugo
NacionalidadeEspaña
RelixiónIgrexa católica
Ocupaciónsacerdote católico e musicólogo
editar datos en Wikidata ]

José Castiñeira Pardo, nado en San Cibrao de Aspai (Outeiro de Rei) o 23 de febreiro de 1928 e finado en Lugo o 31 de outubro de 1989, foi un sacerdote e compositor de música galego, refundador do Orfeón Lucense que un século antes creara Xoán Montes.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Cursou Latín e Humanidades no Seminario Diocesano de Lugo, onde ingresou en 1941, e posteriormente obtivo unha bolsa para estudar Filosofía na Universidade Gregoriana de Roma, onde permanece dous anos. Tras unha pausa por enfermidade, continuou os estudos de Filosofía e Teoloxía no Seminario Maior de Lugo, ordenándose sacerdote o 17 de maio de 1953.

Regresou a Roma para ampliar estudos, licenciándose en Sagrada Teoloxía no Pontificio Ateneo Anxélico; no Pontificio Instituto de Música Sacra obtén a licenciatura en Canto Gregoriano, a maxistratura en Harmonía, Composición e Dirección en música sagrada (1955), e o doutoramento ex tese (1956), así como o Bacharelato en Musicoloxía e Paleografía Gregoriana.

Novamente en Lugo, en 1961 ocupou o cargo de Prefecto da Música da Catedral e foi nomeado profesor de música do Seminario, onde deu pulo á Schola Cantorum; creou así mesmo a Coral do Círculo das Artes, que dirixiu durante seis anos, e dirixiu a Coral Polifónica de Lugo, pertencente á Deputación Provincial.

Presidente da Comisión Diocesana de Música Sagrada, pertenceu como vocal á de Liturxia, Música e Arte Sacra. Foi reitor do Seminario entre os anos 1971 e 1981, e en 1982 fundou o Orfeón Lucense para realzar e dar brillantez ao culto na Catedral. Foi nomeado membro do Consello de Cultura da Deputación Provincial, e director da Escola de Canto da Deputación (escolanía que máis tarde había de levar o seu nome, hoxe desaparecida).

Morreu na cidade de Lugo o 31 de outubro de 1989, sendo enterrado no cemiterio capitular do claustro catedralicio.

Obra[editar | editar a fonte]

A súa obra, fundamentalmente relixiosa e de gran beleza, permanece inédita até agora, aínda que forma parte da liturxia da Catedral lucense e algunhas pezas son correntemente interpretadas nas festas relixiosas solemnes. É de destacar que Castiñeira foi un dos primeiros en compoñer música relixiosa en galego, seguindo a impronta do Concilio Vaticano II.

Entre as súas obras destacan numerosas misas (catro delas en galego), cantos para as diferentes partes da liturxia (cantos de entrada, salmos, un credo para voces graves, loas, salves, vésperas, un magnificat), himnos e panxoliñas de Nadal.

Dentro da música profana cómpre citar unha colección de Melodías populares.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Varela de Vega, Juan Bautista (2008). Cinco séculos de música na Catedral de Lugo. Lugo: Orfeón Lucense. ISBN 978-84-612-3394-6. .

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]