Jacobo Arbenz Guzmán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Jacobo Arbenz Guzmán, nado en Quetzaltenango o 14 de setembro de 1913 e finado en México o 27 de xaneiro de 1971, foi un político, militar guatemalteco, presidente do seu país desde 1951 até 1954, cando o seu goberno elixido democraticamente foi obxecto dun golpe de estado organizado pola CIA (coñecido co nome de Operación PBSUCCESS), que instalou unha ditadura militar no país, baixo mando de Carlos Castillo Armas.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi fillo dun farmacéutico suízo emigrado a Guatemala e dunha guatamalteca. Os seus anos mozos están marcados polo suicidio do seu pai. Arbenz uniuse ó exército integrándose na Academia militar de Guatemala, tornándose sub-teniente en 1935. Regresou á academia en 1937 ocupando o posto de mestre de ciencia e historia. En 1939 coñeceu á súa futura dona, Maria Cristina Villanova, que o fai descubrir a filosofía socialista. Arbenz sumouse a un grupo de oficiais do exército e axudou a derrocar ó ditador Jorge Ubico (1878-1946) en 1944. Despois do golpe contra Ubico, Árbenz ocupa o posto de ministro de defensa de Guatemala no novo goberno de Juan José Arévalo.

Presidencia e golpe[editar | editar a fonte]

En marzo de 1951, Arbenz asumiu a presidencia de Guatemala despois de gañar as eleccións co 60% dos sufraxios. Arbenz continuou coa axenda de reformas de Arévalo e, en xuño de 1952, o seu goberno promulgou unha reforma agraria. A nova lei (decreto 900) deu ó Goberno a facultade de expropiar grandes superficies sen cultivar. Os propietarios das terras expropiadas foron indemnizados de acordo co valor da terra reclamada. O propio Arbenz, propietario de terras a través da súa esposa, deu 7 km² da súa propia terra no programa de reforma agraria[1].

Aínda que a proposta de axenda de Arbenz foi recibida con beneplácito polos campesiños pobres que constitúen a maioría da poboación guatemalteca, provocou a ira das clases altas terratenientes, dos poderosos intereses corporativos estadounidenses (como a United Fruit Company), e de faccións de militares.

En 1952 o Partido Guatemalteco del Trabajo foi legalizado; a influencia comunista, aínda que minoritaria, sobre organizacións civís e sindicatos medrou.

En maio de 1954, armas checoslovacas chegaron a Guatemala a bordo do barco sueco Alfhem. Os Estados Unidos alegaron etse feito como proba dos seus enlaces cos soviéticos.

O presidente estadounidense Eisenhower, brindou o apoio dos Estados Unidos ó coronel guatemalteco Carlos Castillo Armas, quen invadiu o seu propio país con tropas estadounidenses. A invasión foi protexida por tres ou catro avións norteamericanos que gañaron a guerra psicoloxicamente. Arbenz non contaba co apoio do exército, só co dos sectores populares, pero carecían de armas.

Toda esta operación (Operación PBSUCCESS) chegou ó seu fin cando na noite do 27 de xuño de 1954, Arbenz renunciou á presidencia e exiliouse en México.Despois mudouse a Suíza, mais o goberno suízo non lle permite permanecer a menos que renuncie á cidadanía guatemalteca. Ó negarse, trasládase a París, e despois a Praga. Despois de só tres meses, mudouse de novo, desta vez a Moscova. Tratou varias veces de regresar a América Latina, e finalmente foi autorizado a trasladarse a Uruguai en 1957. En 1960, despois da Revolución Cubana, Fidel Castro ofrecéulle ir a Cuba, o que aceptou rapidamente. En 1965, a súa filla maior, Arabella, suicidouse en Bogotá, Colombia. Permitíuselle regresar a México a enterrar á filla e finalmente quedou nese país. O 27 de xaneiro de 1971, Arbenz morre no seu cuarto de baño. As causas da morte aínda non están esclarecidas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Peter H. Smith, Talons of the Eagle: Dynamics of US-Latin American Relations, Oxford University Press, 2000

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • (en inglés) Stephen Kinzer, Stephen Schlesinger. Bitter Fruit. 2005 Edition. David Rockefeller Center for Latin American Studies
  • (en inglés) Piero Gleijeses. Shattered Hope: The Guatemalan Revolution and the United States, 1944-54. Princeton: Princeton University Press, 1991.
  • (en inglés) Nicholas Cullather. Secret History: The CIA's Classified Account of its Operations in Guatemala 1952-54. Stanford: Stanford University Press, 1999.
  • (en inglés) CIA file about Operations against Jacob Arbenz

Segue a:
Juan José Arévalo
Jacobo Arbenz Guzmán
Precede a:
Carlos Enrique Díaz de León
Presidente de Guatemala