Independence Hall

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Independence Hall

Independence Hall é un monumento nacional (National landmark) dos Estados Unidos de América situado en Filadelfia (Pensilvania), en Chestnut Street, entre as rúas Quinta e Sexta. É coñecido fundamentalmente como o lugar no que se debateu e adoptou a Declaración de Independencia dos Estados Unidos. O edificio forma parte do Parque Nacional Histórico da Independencia, e foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1979.

Descrición[editar | editar a fonte]

Independence Hall é un edificio de ladrillo vermello, construído entre 1732 e 1753 en estilo xeorxiano por Edmund Woolley como sede do goberno colonial de Pensilvania. Na mesma mazá (Independence Square) atópanse o antigo concello (Old City Hall), ao leste, e o congreso (Congress Hall), ao oeste, así como Philosophical Hall, a sede orixinal da Sociedade Filosófica Americana.

No campanario do Independence Hall estivo orixinalmente a Campá da Liberdade (Liberty Bell); desde a Exposición Internacional do Centenario de 1876 alberga unha Campá do Centenario (Centennial Bell).

Historia[editar | editar a fonte]

O campanario do Independence Hall

En Independence Hall reuníronse os delegados das Trece Colonias no Segundo Congreso Continental durante a Guerra de Independencia dos Estados Unidos, entre 1775 e 1783, e asináronse a Declaración de Independencia (4 de xullo de 1776) e, máis tarde, os Artigos da Confederación e a Constitución dos Estados Unidos de América.

O 14 de xuño de 1775, os delegados reunidos na sala de asembleas (Assembly Room) nomearon a George Washington comandante do Exército Continental.

O 7 de xuño de 1776, Richard Henry Lee, delegado de Virxinia, propuxo ao congreso continental unha resolución para a redacción dunha Declaración de Independencia. A versión definitiva do documento terminouse o 2 de xullo e, finalmente, coa súa ratificación o 4 de xullo de 1776, os Estados Unidos declararon a súa independencia do Imperio Británico.

En setembro de 1777, o Exército Británico ocupou Filadelfia, e o Congreso Continental tivo que fuxir a York (Pensilvania); non regresou ata o 2 de xullo de 1778.

Entre 1790 e 1800, Filadelfia foi a sede do goberno federal dos Estados Unidos; Independence Hall serviu de sede executiva (Capitol Building).

O 18 de outubro de 1918, Tomás Masaryk proclamou a independencia de Checoslovaquia nas escaleiras do Independence Hall.

En 1948, o interior do edificio foi restaurado e recuperou o seu aspecto orixinal. Ese mesmo ano creouse o Parque Nacional Histórico da Independencia para protexer os monumentos asociados coa Guerra da Independencia.

Logo dos ataques do 11 de setembro de 2001, o acceso ó Independence Square está limitado por barreiras e vixiantes; desde xaneiro de 2007, revisouse o plan de seguridade para substituír a barreira por bolardos e cadeas móbiles.

Independence Hall aparece no reverso dos billetes de 100 dólares e na moeda de medio dólar conmemorativa do bicentenario. No reverso dos billetes de 2 dólares aparece unha reprodución do cadro Declaración de Independencia, do pintor John Trumbull.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Independence Hall