Igrexa de Santa Tareixa de Lisieux do Vinteún

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa parroquial de Santa Tareixa de Lisieux
Datos xerais
PaísEspaña España
Tipoigrexa
AdvocaciónSanta Tareixa de Lisieux
Coordenadas42°21′19″N 7°52′01″O / 42.355208455423, -7.866950067419Coordenadas: 42°21′19″N 7°52′01″O / 42.355208455423, -7.866950067419
Culto
CultoCatólico
DioceseOurense
Arquitectura
Construcióndécada de 1950
editar datos en Wikidata ]

A igrexa parroquial de Santa Tareixa de Lisieux é un templo católico do século xx situado no barrio do Vinteún, en Ourense.

Historia[editar | editar a fonte]

O templo, xurdido trala Santa Misión de 1956, construíuse a finais da década de 1950. Foi fundada o 27 de marzo de 1960, mais non chegou a entrar en funcionamento até 1969.[1][2] O santuario, construído pola empresa Cachafeiro baixo a supervisión do sacerdote Rafael Pato Movilla, foi erixido nun terreo doado pola familia González Diéguez (das Eiroás). Os labores de edificación, que se desenvolveron sen interrupcións, tiveron un custo aproximado de 500 000 pesetas da época, aínda que é probable que o desembolso total ascendese ao millón.[1]

Descrición[editar | editar a fonte]

Exterior[editar | editar a fonte]

O templo, con 40 metros de longo e 15 de ancho, está realizado en granito e posúe capacidade para cerca de 3000 persoas.[1] O exterior mostra un sinxelo rosetón en forma de cruz solar enmarcado nun arco composto por tres arquivoltas (de 17 dovelas cada unha) con xamba e capitel, un tornachuvias sobre a porta de entrada, tellado a dúas augas e unha torre campanario á dereita da fachada de base cadrada, dous corpos separados por sinxelas molduras e teito tamén a dúas augas.

Interior[editar | editar a fonte]

Capela maior

O interior é de planta rectangular, composto por unha sinxela e austera capela maior de base trapezoidal presidida por un Cristo crucificado sobre un panel rectangular de madeira. A metade inferior dos muros do templo están cubertos tamén con madeira.[1] Atópanse tamén unha imaxe da Virxe Milagrosa e unha estatua de San Xosé, ademais do sagrario custodiado nos extremos polas esculturas de dous anxos.

No muro frontal da nave do evanxeo destaca un retablo neoclásico dun corpo, presidido por unha imaxe de Santa Tareixa de Lisieux. Hai imaxes da Inmaculada Concepción e a Virxe de Lourdes acompañada de Santa Bernardita Soubirous (estas dúas últimas realizadas en cerámica ou porcelana esmaltada), ademais dunha imaxe da Virxe de Fátima. No muro frontal da nave da epístola sitúase un retablo de menor tamaño e maior simpleza ornamental cun Sagrado Corazón e nos extremos, fronte a sinxelas pilastras coroadas por vasos, pequenas estatuas de Santo Antonio de Padua e a Virxe da Carmen, mentres que na parte inferior atópanse as imaxes de Santa Rita de Casia e Santa Lucía de Siracusa. Á dereita sitúase unha porta que conduce á sancristía, xunto á que destacan un cadro da Divina Misericordia e un camarín rematado por arcos conopiales polilobulados e presidido por unha talla do Divino Neno.

Un dos elementos arquitectónicos máis rechamantes do templo son as columnas que flanquean o corredor central e dividen a planta en tres naves, establecendo unha marcada separación entre a zona do evanxeo e a zona da epístola e tendo as naves laterais unha altura menor que a nave central, o que permite á súa vez que o punto máis destacado sexa o altar maior, grazas en parte a que na zona superior varias vidreiras policromadas dotan de luz natural ao mesmo. Destaca igualmente a tribunha (con imaxes pictóricas da Virxe co Neno e Santa Tareixa de Lisieux), baixo a cal se acha un habitáculo a modo de nártex.

Reliquias de Santa Tareixa[editar | editar a fonte]

O templo tivo a honra de acoller por un breve espazo de tempo as reliquias de Santa Tareixa de Lisieux a tarde do 10 de setembro de 2003, celebrando o bispo de Ourense unha eucaristía na igrexa con motivo da chegada dos restos da santa, os cales xa foran venerados pola mañá nas Carmelitas Descalzas da cidade antes de dirixirse a Santiago de Compostela.[3]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Outeiriño, Maribel (28 de agosto de 2008). "La ciudad estrena templo". La Región. 
  2. "Parroquia de Santiago de las Caldas: Historia". 
  3. "Santa Teresita visita hoy Ourense". La Voz de Galicia. 9 de septiembre de 2003.