Guy Môquet

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Roosevelt french hostages.jpg

Guy Môquet, nado o 26 de abril de 1924 e morto o 22 de outubro de 1941, foi un militante comunista, famoso por se-lo máis novo dos vinte e sete prisioneiros do campo de Châteaubriant fusilados en represalia pola morte de Karl Hotz. Calificáselle a miudo de membro da Resistencia francesa, mais tal afiliación é disputada entre os historiadores.

A familia Môquet[editar | editar a fonte]

Guy Môquet era fillo de Prosper Môquet, un sindicalista ferroviario e deputado comunista polo distrito 17 de París. Dado que o Partido Comunista Francés fora disolto polo seu apoio ao Pacto Molotov-Ribbentrop, Prosper foi arrestado o 10 de outubro de 1939 e posteriormente expulsado do seu cargo e enviado a un campo de concentración francés na Alxeria.

Biografía[editar | editar a fonte]

Guy Môquet era un fervente militante das xuventudes comunistas, coñecido no seu círculo pola súa afección a escribir poemas e a súa habilidade en varias disciplinas deportivas.

Os comunistas franceses adoptaran a postura da URSS, que consideraba a guerra un conflito imperialista oposto aos intereses da clase obreira. Numerosos militantes comunistas, entre eles o pai de Guy Môquet, foron apresados por esta negativa baixo a acusación de sabotaxe. Tra-la derrota francesa, os ocupantes alemáns mantiveron na cadea aos comunistas presos baixo a III República. Este feito afianzou a Guy Môquet na súa militancia. Se ben ata entón se mantivera agachado coa súa nai e o seu irmán fóra de París, decide regresar alí en 1939. Reivindica a liberación do seu pai e, tra-la instauración do réxime de Vichy, prosegue unha campaña de oposición ao goberno e distribución de propaganda.

É arrestado con dezaseis anos o 15 de outubro de 1940 na estación de metro parisiense Gare de l'Est por tres policías franceses en aplicación do decreto chamado Lei Daladier contra a propaganda comunista. É enviado ao campo de Châteaubriant, onde entra en contacto con outros militantes comunistas.

O 20 de Outubro de 1941, Karl Hotz, comandante das tropas de ocupación en Nantes, é executado por mozos comunistas. O xeneral von Stülpnagel, comandante das forzas de ocupación en Francia, decide tomar en represalia a cincuenta reféns, escollidos polo ministro do interior do goberno de Pétain, Pierre Pucheu, entre os prisioneiros políticos do momento. O máis novo deles era Guy Môquet, que sufriría un esvaecemento na execución que tivo lugar dous días despois. Ante a tentativa de protección por parte dos seus compañeiros presos, el afirmou que era tan comunista como os demais, rexeitando a posible axuda.

Correspondencia[editar | editar a fonte]

Durante todo o seu período de detención en Châteaubriand, Guy Môquet mandou unha considerable cantidade de correspondencia á súa familia próxima. O seu escrito máis famoso é o poema que adicou aos seus pais e irmáns na véspera da súa execución e que comeza así:

"Ma petite maman chérie,

mon tout petit frère adoré,

mon petit papa aimé,

Je vais mourir!"

Tradución:

"¡Miña naiciña querida,

irmanciño meu adorado,

papaíño meu amado

Vou morrer!"

Tamén son coñecidas as liñas dirixidas a unha moza do campo de mulleres lindeiro que din:

"Ma petite Odette,

Je vais mourir avec mes 26 camarades, nous sommes courageux. Ce que je regrette est de n'avoir pas eu ce que tu m'as promis"

Tradución:

"Miña pequena Odette,

Vou morrer cos meus 26 camaradas, somos valentes. Do que me laio é que non terei o que me prometeras"

Conmemoracións[editar | editar a fonte]

O 22 de Outubro de 1944, primeiro cabodano dos fusilamentos tra-la liberación de Francia, O Partido Comunista Francés|PCF organiza a primeira cerimonia de conmemoración, á que asisten varias forzas da Resistencia. As cerimonias repetíronse anualmente a partir de entón, mais dende 1947, a causa da guerra fría, rompeuse a unidade en dous bandos, o "oficial" e o comunista, que pasaron a render tributos separados. Volveríanse a unir en 1981.

En París, o acto principal do 22 de Outubro consiste nunha reunión ante a casa da familia Môquet na rúa Baron de París.

Unha rúa do distrito 17 e unha estación de metro foron bautizadas na súa honra en 1946. Fóra de París hai varios edificios e rúas co nome de Guy Môquet, entre eles un colexio en Châteaubriand e un estadio en Drancy.

O nome de Guy Môquet foi evocado por Nicolas Sarkozy na campaña que o levaría á presidencia de Francia. Marie-George Buffet, candidata apoiada polos comunistas, protestou contra o que consideraba unha utilización indebida da súa memoria. Mesmo na súa investidura volveu a nomea-lo provocando a lóxica controversia.

A súa historia, en cine[editar | editar a fonte]

A súa morte recóllese na curtametraxe La Lettre, sendo Môquet interpretado polo actor francés Jean-Baptiste Maunier.