Epenow

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Representación artística do ataque ó barco do Capitán Nicholas Hobson por guerreiros Wampanoag en 1614.

Epenow (tamén chamado Epanow) foi un Nauset de Martha’s Vineyard, Massachusetts que se converteu nun símbolo de resistencia cara os exploradores ingleses e escravistas do século XVII.

Captura[editar | editar a fonte]

En 1611, Epenow e Coneconam foron secuestrados polo Capitán Edward Harlow nunha illa do sur do Cabo Cod referida como "Capoge" ou "Capawick" (agora chamada Martha's Vineyard). O capitán Harlow xa aprendera a tres nativos americanos en Monhegan (Pechmo, Monopet e Pekenimne, mais Pechmo saltou ó mar e escapou nun bote roubado), e en Nohono (Nantucket), secuestrou a Sakaweston (que viviu durante moitos anos en Inglaterra antes de loitar nas guerras de Bohemia). En total, dixeron que foron 29 os nativos americanos a bordo de navío negreiro de Harlow, cando este chegou a Inglaterra.[1]

Catividade en Inglaterra[editar | editar a fonte]

Os cativos foron levados a Londres para vendelos como escravos en España, mais Harlow logo descubriu que os españois consideraban ós escravos nativos americanos como "non aptos para os seus usos". Por ese motivo, Epenow converteuse nunha "marabilla", un espectáculo de exhibición pública constante en Londres.

O espectáculo de Epenow en Londres foi a inspiración do "indio estraño" mencionada por Shakespeare en Henry VIII:[2][3]

Gorges describiu a Epenow como un home "dunha estatura considerábel, forte e ben proporcionado", así como "un home fermoso, dun aspecto valente, forte, e sobrio no seu comportamento."[4]

Adquirido por Gorges, Epenow foi aloxado xunto con outro nativo cativo, Assacumet, que fora capturado polo capitán George Weymouth en 1605, en Maine, e con quen puido comunicarse non sen algunha dificultade inicial. Coa axuda de Assacumet, Epenow comezou a adquirir fluidez co seu inglés.[5]

Fuxida[editar | editar a fonte]

Artellando o seu plan para escapar, Epenow convenceu ós seus raptores da existencia dunha mina de ouro en Martha’s Vineyard. Crendo a historia de Epenow, Gorges planificou unha viaxe cara Martha's Vineyard en 1614, capitaneada por Nicholas Hobson, e contando con Epenow como guía e tradutor e os seus compañeiros Assacomet e Wanape. Wanape morreu pouco despois de chegar ó Novo Mundo. Ao chegar á illa natal de Epenow, o buque foi pacificamente saudado por un grupo de Wampanoags, incluíndo algúns dos irmáns e curmáns de Epenow, que rápida e silenciosamente conspiraron contra os ingleses. O capitán Hobson entretivo ós visitantes na súa nave, e convidounos a volver ó día seguinte con bens para poder comerciar. Non confiando en Epenow, Hobson fixo que fose acompañado en todo momento por tres gardas, e que vestise roupas longas que puideran ser doadamente agarradas.[6]

Os seus camaradas volveron en vinte canoas como prometeran, pero non subiron a bordo do barco. O capitán chamou por Epenow ó castelo de proa para que fixese de tradutor. Epenow chamou en inglés polos seus amigos a bordo do barco, e nese intre empurrounos ó mar. Os homes de Hobson conseguiron collelo a el, pero Epenow sendo "un home forte e robusto" conseguiu mergullarse no mar cuberto polas frechas disparadas dende as canoas. Ámbolos dous bandos comezan unha dura liorta; moitos dos mosqueteiros de Hobson resultaron mortos, e o mesmo Hobson e os seus tripulantes foron feridos. Volveron a Inglaterra coas mans baleiras.[7][8]

Legado[editar | editar a fonte]

Epenow converteuse nun importante símbolo da resistencia contra os ingleses cando os colonos de Plymouth chegaron seis anos máis tarde,[9] e hai evidencias de que se converteu nun sachem (xefe).[10][11]

Epenow coñeceu ó capitán inglés Thomas Dermer en 1619 nun encontro pacífico en Martha's Vineyard, e riu mentres contaba a historia da súa fuxida. Mais na segunda visita de Dermer en 1620, pouco antes da chegada do Mayflower, os guerreiros de Epenow atacaron ó capitán e ós seus homes, e tomou cativo ó seu guía, o famoso Squanto, antes de entregarllo a Massasoit (o líder dos Wampanoag).[12][13][14][15]

Na ficción[editar | editar a fonte]

O actor Eric Schweig interpretou a este histórico personaxe no filme non animado de Disney de Squanto: A Warrior's Tale.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Drake, Samuel Gardner. Biography and History of the Indians of North America. Boston, 1835.
  2. Vaughan, Alden T. Transatlantic encounters: American Indians in Britain, 1500-1776. New York: Cambridge University Press, 2006.
  3. Lee, Sidney. The Call of the West. Scribner's Magazine, July 1907. Page 322.
  4. Banks, Charles. The History of Martha's Vineyard, Vol. I. Edgartown, MA: Dukes County Historical Society, 1966, p. 68.
  5. Banks, Charles. The History of Martha's Vineyard, Vol. I. Edgartown, MA: Dukes County Historical Society, 1966, p. 68.
  6. Drake, Samuel Gardner. Biography and History of the Indians of North America. Boston, 1835.
  7. Burrage, Henry Sweetser. The Beginnings of Colonial Maine: 1602-1658
  8. Steele, Ian Kenneth and Rhoden, Nancy Lee. The Human Tradition in Colonial America. Wilmington DE: Scholarly Resources, 1999.
  9. Steele, Ian Kenneth and Rhoden, Nancy Lee. The Human Tradition in Colonial America. Wilmington DE: Scholarly Resources, 1999.
  10. Dempsey, Jack. Good News from New England: And Other Writings on the Killings at Weymouth 2001.
  11. Philbrick, Nathaniel. Mayflower: a story of courage, community, and war
  12. Adams, Charles Francis. Three Episodes of Massachusetts History: The Settlement of Boston, Volume 1
  13. Baxter, James Phinney. Sir Ferdinando Gorges and his Province of Maine.
  14. Burrage, Henry Sweetser. The Beginnings of Colonial Maine: 1602-1658
  15. Drake, Samuel Gardner. Biography and History of the Indians of North America. Boston, 1835.