Encoro de Caldas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°36′17″N 8°36′27″O / 42.6047, -8.60742

Encoro de Caldas

O encoro de Caldas sitúase no río Umia, a un quilómetro da vila de Caldas de Reis, augas arriba. Ten unha capacidade de case sete millóns de metros cúbicos, e ocupa unha superficie de 81,7 hectáreas, cunha conca de 182 km² e un caudal medio de 9m³/s. Ten coma función a regulación do río Umia, así como o abastecemento de auga de boca a comarca do Salnés.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Xa nos anos setenta o goberno civil de Pontevedra encargara un anteproxecto de abastecemento de augas á Mancomunidade do Umia.

No 1973 redactouse un proxecto de construción dunha presa de materiais soltos de 40 metros de altura sobre o leito do río. Dado que non foron tidas en conta tódalas condicionantes do terreo, a Confederación Hidrográfica do Norte suspendeu o proxecto e encomendou un novo estudo xeolóxico.

No ano 1992, dadas as frecuentes inundacións de Caldas, fíxose un estudo hidráulico das crecidas, é de acordo co Proxecto de Directrices do Plan Hidrolóxico das Cuncas de Galicia, a petición da Dirección Xeral de Obras Públicas da Xunta de Galicia, redactouse un novo anteproxecto no que se contemplaba unha presa de gravidade de planta recta.

Foi sometido a información publica no ano 1995, e no 1996 fíxose a declaración de impacto ambiental. No 1997 unha unión temporal de empresas formada por Dragados-Abeconsa fíxose co concurso de proxecto e a execución da presa, cambiando o seu deseño a unha de gravidade de planta curva.

A construción da presa, cun volume de 45.000 m³ de formigón, foi executada nun prazo de 24 meses, entre marzo de 1998 e febreiro de 2000.

A presa[editar | editar a fonte]

Presa de Caldas
  • Altura sobre cimentos: 36,50 m.
  • Lonxitude de coroación: 206 m.
  • Ancho na coroación: 7 m.
  • Tipo de aliviadeiro: mixto
  • Nº vaos: 4 de 13 m.
  • Comportas: 2 tipo sector
  • Capacidade de escoamento: 425m³/s. en trampolín