Empresa pública

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Denomínase empresa pública ou empresa estatal a toda aquela que é propiedade do Estado, sexa no ámbito nacional, rexional, municipal ou de calquera outro estrato administrativo. A gran maioría dos estados controla empresas con diferentes fins, que poden por exemplo prover servizos públicos, incentivar a produción do país ou xerar emprego. Teoricamente unha empresa pública procura a rendibilidade social sobre a rendibilidade económica típica das empresas privadas, aínda que isto pode non ser así.

Historia[editar | editar a fonte]

Coa aparición do Estado de benestar en Europa e o populismo en América Latina logo da Segunda Guerra Mundial, fíxose moi común a estatización ou nacionalización de empresas privadas que pasaron á órbita pública; ata mediados da década dos 70 do século XX houbo en case todos os países do mundo gran cantidade de empresas públicas no marco do denominado Estado empresario. Naqueles países cun sistema económico socialista e unha economía planificada como o foi a Unión Soviética e o é Cuba, o Estado controla a totalidade da economía ou gran parte dela, polo que practicamente calquera empresa existente é estatal.

Non obstante, así como se di que as empresas públicas procuran o ben da sociedade, son branco de críticas por parte da ortodoxia económica e a doutrina neoliberal, que as describe como ineficientes por natureza, por mor da burocracia administrativa e a falla de estímulo dos traballadores, indicando ademais que a libre competencia mellora a produtividade. Co auxe desta serie de teorías a finais dos anos '70 a súa posterior hexemonía nos '80 e '90, moitas antigas empresas do estado foron privatizadas e convertidas en empresas privadas, dando lugar ao chamado libre mercado.

América Latina e Europa do Leste (despois da desarticulación da Unión Soviética) foron un campo de probas para as privatizacións, promovidas polo FMI e a OMC, entre outros organismos internacionais. Sen embargo, houbo diferenzas no grao de privatización da economía entre os diferentes países. Mentres que en Arxentina as empresas do Estado foron case todas vendidas ou disolvidas, como Ferrocarriles Argentinos e a petroleira YPF, o seu veciño Uruguai conservou unha gran cantidade delas, como a telefónica ANTEL e a petroleira ANCAP.

Nalgúns países, como Nova Zelandia, foron corporatizadas; isto é, mantívose a propiedade do Estado sobre a empresa pero o seu funcionamento faise en forma autárquica como se fora unha empresa privada común e corrente.

A maioría dos países europeos conservan moitas empresas do estado, como a RENFE española ou a British Railways británica, esta última coa particularidade de ser privatizada e logo reestatizada. Por razóns estruturais, a maioría dos países africanos retiveron tamén as empresas públicas. Nos Estados Unidos de América as empresas públicas sempre foron poucas, polo que o avance do neoliberalismo como doutrina económica non implicou moitos trocos.