Eleno de Céspedes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaEleno de Céspedes
Biografía
Nacemento1545 Editar o valor em Wikidata
Alhama de Granada Editar o valor em Wikidata
Mortevalor descoñecido Editar o valor em Wikidata
provincia de Toledo Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónxastre , cirurxián Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Sinatura
Editar o valor em Wikidata

Eleno de Céspedes, nado en Alhama de Granada en 1545 e finado en El Puente del Arzobispo (Toledo), inicialmente coñecido como Elena de Céspedes, foi un cirurxián e ex-escravo español do século XVI.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Eleno naceu en 1545 en Alhama de Granada. Era mulato, fillo dunha escrava negra e do seu propietario, Benito de Medina. Foi manumitido aos 8 anos e recibiu o nome de Elena de Céspedes, en homenaxe á defunta esposa do seu pai. Contraeu matrimonio aos 15 ou 16 anos con Cristóbal Lombardo, un albanel de Xaén, con quen tivo un fillo que entregou a unha familia de Sevilla.[1]

Tras finar o seu marido, marchou traballar a Sanlúcar de Barrameda. Alí, durante o seu traballo, acoitelou un home chamado Heredia por unha disputa. Ao saír da prisión tivo que marchar debido a que a familia do home o ameazara. Nese momento cambiou a vestimenta de muller pola de home e comezou a chamarse Eleno. De feito, en varios documentos aparece a súa sinatura co nome de Eleno de Céspedes.

No inicio traballou en diferentes profesións, como tecelán ou calcetando, debido a que pasaba pouco tempo en cada cidade ou vila. Foi tamén soldado na Guerra das Alpujarras en Granada, durante a súa estadía en Arcos de la Frontera.[2] Desenvolveu a súa vida laboral como home, e mesmo conseguiu titularse como cirurxián. Os estudos actuais considérano unha persoa trans.[3][4][5]

Para resolver as dúbidas en canto á procedencia ou non de conceder a esta persoa unha licenza de matrimonio para legalizar a súa vida marital cunha muller, o vigairo de Madrid, Juan Bautista Neroni, solicitou en 1586 o seu exame xenital. Este foille encargado ao prestixioso Francisco Díaz de Alcalá, médico e cirurxián do rei Filipe II e autor do primeiro tratado de uroloxía. Nesa ocasión ditaminou que Eleno era home.

Viviu durante un ano en Yepes como marido de María del Caño. Traballou como cirurxián nesa localidade e noutras da zona. A rareza da súa historia foi moi difundida, e terminou suscitando a denuncia dun antigo coñecido ante o Gobernador e Xustiza Maior en xuño de 1587.

A súa condición foi revisada por un tribunal civil en Ocaña. Alí foi examinado por varios médicos, cirurxiáns e comadroas, quen ditaminaron que era muller.

Promoveuse xuramento a Inés López de la Peña comadre e veciña da vila, a cal despois de xurar... testificou... que a dita Elena de Céspedes acusada neste proceso, a cal a testemuña viu e mirou xuntamente con Mari Gómez e Isabel Martínez, que a dita é muller e ten natura de muller e metéuselle por ela unha candea dentro e por cantidade por dita natura... a cal entrou premiosa e pouco, e con isto esta testemuña non entende que lle botasen varón a ela. Tamén lle viu as tetas e é tan gorda que ten os peitos grandes conforme ao corpo, e mamilas, os cales ten senón de muller, e ten o peito desbaratado nalgunha maneira

Foi acusado de lesbianismo, sodomía e bigamia. Ao ser considerado muller, a súa forma de relación con outras mulleres era en si mesmo un problema xurídico e de moral sexual. A Inquisición someteuno a xuízo, polo que o trasladou a Toledo en 1587 ante o inquisidor Lope de Mendoza. Tras ser examinado de novo polo mesmo Francisco Díaz e por Juan de las Casas, médico de Yepes, desta volta ditaminouse que Eleno non era nin home nin hermafrodita, senón muller, por tanto, debía ser chamado Elena de Céspedes. Así mesmo, ditaminouse que obtivera a aparencia xenital masculina mediante unha manipulación cirúrxica que realizou sobre si mesmo nos peitos e na vaxina. Tal era a súa habilidade que puido enganar ao ilustre experto no primeiro exame (que se xustificou aducindo unha «ilusión do demo» ou unha «arte sutil» que enmascarou o «embuste». Ademais, confesou que posibelmente só fose un exame visual, xa que declarou «non lembrar» se o tocara coas mans.

preguntado se viu este, por mandado de Neroni, vigairo de Madrid, unha muller que andaba en hábito de home e se chamaba Eleno de Céspedes.

- dixo que si, e que sabe que era cirurxián.

Preguntado que para ver se tiña membro xenital e se podería ser casado e se o viu xuntamente co dr. Mantilla

- dixo que si e que alzando as súas roupas o dito Eleno viu o seu membro xenital que estivo descuberto bo anaco diante de entrambos, que tiña a súa proporción e forma de membro de home proporcionado ao seu corpo, nin grande nin pequeno, antes máis grande que pequeno.

Preguntado se o tocou coas mans

- dixo que non lembra.

Preguntado se tiña seso de muller

- dixo que aparece diante un sinal baixo os testículos que non advertiu tanto iso que puidese dicir que tiña seso de muller.

Preguntado que lle deron ou prometeron porque dixese a súa declaración

- dixo que lle deron catro reais, despois da dita declaración déronselle seis”

(...)

“preguntado se cre que o acusado ten algún sinal de recordo de home hermafrodita

- dixo que non. Que cando o viu en presenza do dr. Mantilla, médico, tívoo por home e viulle o miembro segundo tiña declarado

“Preguntados sobre o sexo de muller que din no lle viron, aínda que o de home fose artificial, porque dixeron que non podían deixar de velo”

“Dixeron que lles parece que o artificio que ela fixo para darlles a entender que era home e non muller debía de ser de maneira que lle encaixaba e poñía na súa natura de muller de sorte que encubrise e atapase o membro de muller quedando de fóra colgado o de home cos seus testículos, porque en realidade de verdade ela mostraba o seu membro e testículos de home moi proporcionado e como a viron na boa fe que din... non escudriñaron nin miraron tan particularmente as cousas como agora a miraron, nin a viron entón como agora seso de muller”

“dixeron estes que confesan seren enganados e que a dita Elena de Céspedes é muller e que nunca foi home nin ten sinal de tal e que non poden entender a causa mais de que entenden que sexa algunha ilusión do demo, sotileza ou embuste da desaventurada muller que con algún artificio os enganou e á súa boa fe… e que a dita Elena de Céspedes debe ser feiticeira”

Declaración de Francisco Díez y Juan de las Casas. Toledo, 15-VIII-1587

Os informes de outros médicos reafirmaron a súa condición feminina, e propuxeron que o seu presunto pene sería un artificio «como outras burladoras fixeron con pelica de ovella e outras cousas como se viron».

tras tomarlles xuramento en forma de dereito... fóronlles lidas as confesións feitas por Elena de Céspedes neste Santo Oficio, despois que está présa nel, acerca de dicir que tivo seso de home sendo muller e téndoo de tal... e lido e informado acerca desta mandáronlles vesen e mirasen á dita Elena de Céspedes as súas partes vergonzosas e que declaren se é verdade que tivo e sucede ter seso de home como di tivo. Co que os ditos médicos e cirurxiáns entraron ao patio dos cárceres onde foi traída a dita Elena de Céspedes á cal viron e miraron segundo lles foi mandado e volveron á audiencia ante os ditos Señores Inquisidores e dixeron como eles viran a dita Elena as súas partes vergonzosas, a cal é muller e que nunca foi hermafrodita nin ten sinais diso, porque ser muller debe ser claro e demais diso di que pariu e aínda que fixo medicina para cegar e apertar que non parecese natura de muller, veu ao cabo a aparecer e romper sangue do mestruo que era detido de antes, que é o fluxo de sangue que confesa a ela lle veu e que canto ao dos testículos din que non hai sinal de telos exteriormente, porque se os tiver quedara cicatriz de estaren cortados ou cauterizado, ou o pelello onde aparecesen saírlle e que ningunha cousa disto hai na dita Elena de Céspedes, e que se nalgún tempo os tiver veríase polos sinais que ten, e que aínda que é verdade que os hermafroditas teñen testículos, son interiores, de maneira que non se poden ver nin sentir por fóra, e canto a isto din que é embuste dicir que os tivo fóra. E no que di a dita Elena de ter verga de home co que di trataba con outras mulleres, dixeron que aínda que é verdade que puido crecerlle o que chaman nimphe o pudendum que lles nace a algunhas mulleres na matriz, pero que esta non o ten nin sinal de tela y aínda que a tivese non puidese saír fóra nin ter forza para facer o que a dita Elena de Céspedes di facía, por onde parece claramente ser embuste.

E en canto di que para facerlle saír o membro de home que di tivo rompéronlle un pelello, que é falso, porque aínda que tivese dita nimphe que é a maneira de verga de home que se afrouxa e enfesta coa paixón natural que lles vén ás mulleres que a teñen, era imposíbel saír por onde di a dita Elena de Céspedes, e non ten sinal de aver ferida para facela que saíse nin cicatriz diso, por onde tamén se ve ser embuste e que se houber cicatriz onde di viña o dito membro de home avía de ser sobre a empeña, que é a posición onde nace o membro viril ás mulleres hermafroditas, como todos os médicos e cirurxiáns din.

E así lles parece que en canto a isto que é embuste, porque nin lle naceu nin ten cicatrices como as tería se lle nacer e cortar como ela di. E que canto á polución que di ter, que isto puidese ser unha humidade que adoita saír da nai naturalmente como a todas as demais mulleres no tempo que teñen acceso e deleitación co varón e que así, se este caía no vaso das outras mulleres con quen trataba puidese enganalas. E así por isto e por ver a dita Elena de Céspedes como a viron este día ante min o presidente y secretario e mirándoa moi particularmente a natura e as demais partes circunveciñas de muller, din que a dita Elena de Céspedes naceu e é muller e que como tal ten todos os sinais de muller e que nunca foi hermafrodito nin en boa medicina pode ser que o fose, nin tido membro de home e así lles parece que todos os actos que como home di que fixo, foi con algúns artificios como outras burladoras fixeron con pelellos e outras cousas como se viron e que é embuste e non cousa natural, que o artificio co que fixo o dito embuste e enganou as mulleres e estas non o sabían, que ela o dirá, e que isto é o que como médicos poden xulgar baixo o xuramento que teñen feiyo e o asinaron do seu nome”
Declaración dos médicos do Santo Oficio doctores De la Fuente e Villalobos e licenciado Juan Gómez, cirurxián. Toledo, 13-VIII-1587

Ante a posibilidade de que tales artes fosen diabólicas, o 5 de outubro de 1587 foi acusada de bruxaría e de herexía ou apostasía. Eleno sempre negou todas as acusacións e mantivo a súa versión inicial. Foi condenado en 1588 a unha pena de 200 azoutes e a 10 anos de reclusión nun hospital traballando gratis na súa enfermaría.[6]

A súa peripecia vital ten certa similitude con casos posteriores, os de Catalina de Erauso, a monxa-alférez, e Fernanda Fernández, a quen si consentiron proseguir a súa vida como homes. Con todo, a automutilación á que somete Eleno de Céspedes os seus xenitais e a disimulación forzada dos seus peitos e doutros caracteres sexuais secundarios suxire que a procesada nunca se recoñeceu na súa condición feminina. Isto indica que se puido tratar dun home trans.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ruiz Rodríguez, Ignacio. "Elena o Eleno de Céspedes". Real Academia de la Historia (en castelán). 
  2. Ruiz Rodríguez, Ignacio; Hernández Delgado, Alexander (2017). Elena o Eleno de Céspedes. Un hombre atrapado en el cuerpo de una mujer en la España de Felipe II (en castelán). Madrid: Dykinson. ISBN 9788491482840. 
  3. Pita, Antonio (19 de novembro de 2017). "Un transexual en la España de Felipe II". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 22 de novembro de 2023. 
  4. Maganto Pavón, Emilio (2007). "La intervención del Dr. Francisco Díaz en el proceso inquisitorial contra Elena/o de Céspedes, una cirujana transexual condenada por la Inquisición de Toledo en 1587". Archivos Españoles de Urología (en castelán) 60 (8): 873–886. ISSN 0004-0614. 
  5. Maganto Pavón, Emilio (2007). El proceso inquisitorial contra Elena/o de Céspedes. Biografía de una cirujana transexual del siglo XVI, Madrid, 2007 (en castelán). Madrid. ISBN 9788492379941. 
  6. Entrevista Arquivado 07 de marzo de 2013 en Wayback Machine. a Agustín Sánchez Vidal, autor de un libro sobre el caso.
  7. Pita, Antonio (19 de novembro de 2017). "Un transexual en la España de Felipe II". El País (en castelán) (Madrid). Arquivado dende o orixinal o 20 de novembro de 2017. Consultado o 24 de novembro de 2023.