Gonocorismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Dioecia»)
A diferenza da maioría dos platihelmintos, os esquistosomas son gonocorísticos. Na foto pódese ver á femia angosta saíndo do xinecóforo do macho, máis groso, debaixo do seu canal ventral.
Gonocorismo: un espermatozoide e un óvulo, as células xerminais masculinas e femininas dos humanos, pouco antes da fecundación.

En bioloxía, denomínase gonocorismo, gonocoria, ou unisexualismo, á condición dun individuo, animal ou vexetal, de ter só un dos polo menos dous posíbeis sexos.[1][2]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo deriva do grego antigo γονοχορισμός, gonochorismós, formado polos elementos γόνος gónos, "procreación", e χορισμός chorísmos, este tirado do verbo χωρίζω chōrízō, "separar".[2] Literalmente: "de sexos separados".

Uso en zooloxía e botánica[editar | editar a fonte]

Aínda que o termo é máis utilizado en zooloxía, xa que a maioría das especies animais son gonocóricas, tamén se usa en botánica.

Nas anxiospermas, as flores individuais poden seren hermafroditas (tendo estames e ovarios) ou gonocóricas (teendo só estames ou só ovarios). Entre as especies de anxiospermas que teñen flores gonocóricas algunhas tamén producen flores hermafroditas. Os tres tipos preséntanse en disposicións diferentes en plantas separadas, podendo ser especies monoicas, dioicas, trioicas, poligamomonoicas, poligamodioicas, andromonoicas ou xinomonoicas.

En botánica úsase moitas veces en lugar do termo gonocorismo, o de dioecia.[2]

O gonocorismo contrasta con outras estratexias reprodutivas como a reprodución asexual e o hermafroditismo. Ademais, o sexo dun tamén pode cambiar durante a súa vida útil; este hermafroditismo secuencial pódese encontrar, por exemplo, en moitos peixes, como en Labrus bergylta (o pinto e a maragota) ou nos peixes papagaio.[3][4]

O termo foi cuñado por Ernst Haeckel en 1866.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Universidade de Salamanca. "Gonocorismo". Diccionario médico-biológico, histórico y etimológico. Consultado o 21 de abril de 2020. 
  2. 2,0 2,1 2,2 gonocorismo, en: Font Quer, P. (1993): Dicccionario de botánica. Tomo I. Barcelona: Editorial Labor, S. A. ISBN 84-335-0076-7.
  3. Bester, C. Stoplight parrotfish Arquivado 20 de xaneiro de 2016 en Wayback Machine. Florida Museum of Natural History, Ichthyology Department. Consultafdo o 21 de abril de 2020.
  4. Afonsoa, Moratoa & Santos (2008). "Spatial patterns in reproductive traits of the temperate parrotfish Sparisoma cretense". Fisheries Research 90 (1-3): 92-99.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]