de Havilland Mosquito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
de Havilland Mosquito
Mosquito 600pix.jpg
Mosquito B. Mk XVI
Tipo Bombardeiro lixeiro
Fabricante de Havilland Aircraft Company
Deseñado por Ronald Bishop
Primeiro voo 25 de novembro de 1940
Introducido 1941
Retirado 1956
Construídos 7.781

O de Havilland Mosquito foi un bombardeiro lixeiro británico da Segunda Guerra Mundial. Foi un dos avións máis versátiles da guerra xunto co Ju 88 alemán. Foi deseñado como bombardeiro de grande velocidade sen armamento defensivo e voou por primeira vez o 25 de novembro de 1940. Entrou en servizo en maio de 1942.

O Mosquito foi adaptado tamén para facer traballos de bombardeiro táctico diario a baixa e media altura, bombardeiro nocturno a gran altura, explorador, caza diúrno e nocturno, caza-bombardeiro, ataque marítimo e avión de recoñecemento rápido. Tamén sería usado pola British Overseas Airways Corporation (BOAC) como transporte.

Cando o Mosquito entrou en produción en 1941, era un dos avións operativos máis rápidos do mundo. Entrou en servizo facendo labores de defensa nocturna contra os ataques da Luftwaffe sobre Reino Unido, destacando na defensa contra a ofensiva aérea alemá da operación Steinbock en 1944. Ofensivamente, as unidades de Mosquitos tamén levaron a cabo misións nocturnas protexendo directa e indirectamente aos bombardeiros pesados británicos, axudando a que a RAF reducise as súas perdas en 1944 e 1945. O Mosquito incrementou as perdas de cazas nocturnos alemáns ata o punto de que as perdas destes eran o dobre das que lle facían aos aliados. Como bombardeiro tomou parte de "ataques especiais", tales coma ataques de precisión sobre campos de prisioneiros, ás bases Gestapo ou das forzas de intelixencia e seguridade alemás, así como ataques tácticos apoiando ao exército británico na campaña de Normandía. Algúns Mosquitos tamén traballaron no comando costeiro da RAF durante a batalla do Atlántico, atacando U-Boats da Kriegsmarine e concentracións de mercantes, particularmente na ofensiva do golfo de Biscaia en 1943, na cal foron afundidos ou danados bastantes U-Boats.

O Mosquito tamén foi usado nos teatros do Mediterráneo e de Italia, ademais de ser empregado pola RAF no sueste asiático e pola RAAF dende as súas bases de Halmaheras e Borneo na guerra do Pacífico.