Junkers Ju 88

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Junkers Ju 88
Ju 88 en terra
Tipobombardeiro
FabricanteJunkers
Deseñado porW. H. Evers e Alfred Gassner
Primeiro voo21 de decembro de 1936
Introducido1939
Retirado1951 (Francia)
Principais usuariosLuftwaffe
Unidades construídas15 183
VariantesJunkers Ju 188

O Junkers Ju 88 foi un bombardeiro medio alemán usado durante a segunda guerra mundial. Empregado en diversidade de funcións, o Ju 88 entrou en servizo na Luftwaffe no ano 1939 e estivo en activo ata o final da guerra. Utilizado tanto como bombardeiro en picado como en horizontal, como caza nocturno, para ataque a terra ou recoñecemento, estivo moi presente nas batallas de Inglaterra, dos Balcáns, do Mediterráneo e da fronte do leste. A pesar de ter diferentes problemas técnicos nas últimas fases do seu desenvolvemento e nas primeiras da guerra, foi o avión máis versátil do conflito.

Historia[editar | editar a fonte]

Deseño[editar | editar a fonte]

O Ju 88 foi deseñado en 1936 para cumprir unha especificación da Luftwaffe para un Schnellbomber (bombardeiro rápido). O novo modelo debería ser capaz de manter unha velocidade de 500 km/h durante 30 minutos, poder levar unha carga de bombas de 800 kg e ter a capacidade de operar dende pistas pequenas. Junkers gañou o contrato vencendo aos modelos presentados por Henschel e Messerchmitt.

Liña de montaxe de Ju 88

Os traballos do Ju 88 comezaron en xaneiro de 1936. Dous anos antes Junkers abandonara a súa tradicional forma de construción con revestimento corrugado (usado no famoso Junkers Ju 52), e, debido á súa falta de experiencia coas novas técnicas de revestimento reforzado, contratou dous enxeñeiros estruturais alemáns formados nos Estados Unidos. O resultado foi un bombardeiro cunha das mellores estruturas da segunda guerra mundial, despois de corrixidas as deficiencias iniciais.

O deseño básico consistía nunha estilizada fuselaxe, cunha tripulación de tres homes na proa, dous motores DB600A en góndolas baixo as ás de implantación media e dúas pequenas bodegas de bombas na sección central da fuselaxe. Iniciáronse dous deseños paralelos, o Ju 88 convencional e o Ju 85 con dúas derivas, pero este foi rexeitado e continuouse cos traballos do Ju 88. O prototipo V1, con matrícula civil D-AQEN, voou por vez primeira o 21 de decembro de 1936. Construíronse varios prototipos ata chegar ao V6, que sería o prototipo da Serie A. A proa alongouse cunha góndola ventral para o cuarto tripulante que manexaba metralladoras MG15 de tiro frontal e a tren de aterraxe principal foi substituída por patas sinxelas amortecidas que se retarían cara a atrás hidraulicamente (as orixinais tiñan un sistema eléctrico). Engadíronsella tamén catro soportes externos para bombas que aumentaban a súa carga bélica. Iniciouse así a súa produción en serie.

Entrada en servizo[editar | editar a fonte]

A mediados de 1941 comezou a chegar ás unidades de combate o definitivo Ju 88 A-4. Este foi un avión moi popular, moi agradable de pilotar e moi polivalente. Porén as unidades de Ju 88 sufriron unha gran cantidade de baixas debido a que o seu armamento defensivo non era o axeitado. Foron instalados diversos esquemas de armamento que xiraban en torno a sete metralladoras MG 81 ou tres MG 81 e dous canóns MG 131 de 13 mm.

A pesar de ter a mesma célula do A-4, as versións A-13, A-14, A-15 e A-17 tiveron distintos tipos de armamento. O A-13 era unha versión especializada en ataques a baixa cota e levaba normalmente 16 metralladoras MG 17 de tiro frontal, 500 Kg de bombas de fragmentación e blindaxe extra. O A-14 era un avión antibuque, con cortadores de cables de globos cativos, un canón de 20 mm en lugar do visor de puntería e blindaxe extra. O A-15 tiña unha ampla bodega, capaz de levar 3.000 Kg de bombas, non levaba góndola ventral e só levaba tres tripulantes. O A-17 levaba dous torpedos LT F5b.

As series B e E foron a base do Ju 188 cun novo compartimento para a tripulación, e as C, R e G foron todos inicialmente cazas nocturnos.

Ju 88 de recoñecemento[editar | editar a fonte]

A pesar das novas series, a produción seguiu centrándose nas subvariantes do Ju 88A-4, como a seguinte en aparecer, o Ju 88D de recoñecemento. A versión principal da serie foi a D-1 que tiña a bodega reformada para poder levar cámaras. A partir da célula do A-5 desenvolveuse a seguinte variante da serie en febreiro de 1940, o D-2 con motores 211G.

A seguinte variante de recoñecemento sería a serie H, e máis tarde aparecería a serie P. A Luftwaffe non posuía un avión específico para este tipo de misións a longas distancias, agás os pouco axeitados Fw 200, He 177 e Ju 290, polo que se decidiu reformar o Ju 88D dándolle unha fuselaxe máis alongada que lle permitía levar máis cantidade de combustible e aumentar así o seu alcance.

Construiríanse 10 Ju 88H-1 e 10 Ju 88H-2 na factoría de Mesenburg en 1943. As versións H usaban as ás reforzadas do caza nocturno Ju 88G con motores radiais BMW 801D-2. A fuselaxe foi alongada 3,7 metros para aumentar a capacidade de combustible, pasando dos 2.600 aos 6.470 litros, levando outros 1.660 litros en dous tanques auxiliares. Este aumento de combustible dáballe un alcance de 3.200 millas.

O H-1 equipaba tres cámaras na parte de atrás da fuselaxe e un rádar FuG200 Hohentwiel na proa, usado para rastrexar os barcos aliados no Atlántico. O H-2 era un caza de longa distancia deseñado para destrur os cazas de escolta das formacións de bombardeiros aliadas e como escolta dos H-1. Levaba dous canóns MG 151 de 20 mm na proa e outros catro instalados nun contedor debaixo da fuselaxe.

Eses 20 exemplares da serie H non entrarían en combate e foron adaptados como bombas voantes Mistel.

Contracarro[editar | editar a fonte]

En 1942, debido ao aumento do poder acoirazado soviético, o Alto Estado Maior alemán precisaba un avión que o contrarrestase. Considerouse que o Ju 88 podería realizar labores contracarro e no mes de agosto instalouse un canón KwK 39 de 70 mm nun Ju 88A-4. O canón, con só dous disparos, apuntaba lixeiramente cara a abaixo e foi instalado nunha enorme góndola que tiña unha metralladora na parte traseira.

A este A-4 experimental seguiríalle a Serie P. O Ju 88P-1 tiña un canón mellorado Pak 40 de 75 mm; o P-2 e o P-3 (con blindaxe extra) levaban instalados dous canóns Flak 38 de 37 mm; e o P-4 equipaba un BK 5 de 50 mm. A Serie P non foi todo o satisfactoria que se agardaba e foron moi vulnerables aos cazas. Moitos dos avións desta serie usaríanse contra as formacións de bombardeiros estadounidenses e como cazas nocturnos.

Bombardeiro diúrno de grande velocidade[editar | editar a fonte]

En 1943 a produción estábase cambiando cara aos cazas nocturnos, pero o Ju 88 comezou a evidenciar a súa falta de velocidade con respecto aos novos modelos aliados. Junkers taballaba entón nos seus Ju 188, Ju 288 e Ju 388, pero a Luftwaffe precisaba urxentemente un avión máis rápido. A solución foi instalar un motor máis potente e reducir a resistencia eliminando a góndola e o cuarto tripulante. O prototipo Ju 88 V93 foi o resultado destes cambios, voando por primeira vez a principios de 1943 e dando paso á Serie S.

O principal cambio na nova serie fai a instalación do motor BMW 801D, pero tamén dispoñía dunha proa máis aerodinámica, elimináronse os freos de picado das góndolas, os soportes subalares e parte da blindaxe. Con eses cambios o Ju 88S podía alcanzar os 536 km/h.

A primeira variante desta serie, o S-1, comezou a fabricarse a finais de 1943 con motores BMW 801G-2 e o sistema GM1 de inxección de óxido nitroso para aumentar a potencia a grande altitude, chegando a alcanzar os 610 km/h. O seu armamento defensivo era dun só canón MG 131.

En 1944 construíronse só uns poucos S-2, que estaban equipados con motores radiais BMW 801TJ turboalimentados e o cntenedor externo para bombas que levaba o A-15, e que podía cargar ata 3.000 kg. Defensivamente estaba provisto de dúas metralladoras MG 81 fixas na proa. No verán construiríanse aínda menos S-3, sen o contedor de bombas, con motores Jumo 213A refrixerados por líquido e co sistema GM1 de inxección de óxido nitroso.

Baseado na célula do Ju 88S-1 construiríase en 1944 o T-1, un modelo de recoñecemento rápido con máis combustible e equipado con cámaras na parte traseira da fuselaxe. Construíronse tamén prototipos do que se debería converter no T-3 a partir da célula e os motores do S-3.

A produción de Junkers Ju 88 remataría en setembro de 1944 coa fabricación de 9.125 avións de bombardeo e 1.911 de recoñecemento en total.

Versións[editar | editar a fonte]

Prototipos[editar | editar a fonte]

Junkers Ju 88 A-4
  • Ju 88 V1: o primeiro prototipo. Voou o 21 de decembro de 1936 e estaba equipado con motores DB600A.
  • Ju 88 V2: semellante ao V1.
  • Ju 88 V3: tiña un motor Jumo 211A, máis potente que o DB600A. Elevouse o teito da cabina e instalouse unha mira de bombardeo nunha burbulla de cristal baixo a proa.
  • Ju 88 V4: tiña unha nova proa acristalada e unha cúpula ventral cunha metralladora que disparaba cara popa.
  • Ju 88 V5: semellante ao V4 pero con motores Jumo 211B-1 e modificado para bater récords de velocidade.
  • Ju 88 V6: foi o prototipo para a produción da Serie A, con motores de serie e tren de aterraxe modificado.
  • Ju 88 V7: era un bombardeiro de preserie da Serie A usado como prototipo de caza.
Ju 88 A-4 finés

Serie A[editar | editar a fonte]

  • Ju 88 A-0: semellante ao V6, con freos de picado e soportes subalares.
  • Ju 88 A-1: tiña hélices tripalas.
  • Ju 88 A-2: foi o modelo de serie básico. Tiña motores Jumo 211 G1-1 e botellas RATOG subalares.
  • Ju 88 A-3: versión de dous mandos do A-1.
  • Ju 88 A-4: foi a primeira reforma importante. Contaba con motores máis potentes, tren reformado, aleróns metálicos e máis envergadura.
  • Ju 88 A-5: introducíuse debido aos problemas de desenvolvemento do motor Jumo 211J. Era basicamente un A-2 coa envergadura do A-4.
  • Ju 88 A-6: creouse para interceptar as barreiras de globos británicas. Posuía cortadores de cables de globos cativos (usados como barreira para ataques a baixa cota) pero demostrou ser lento e pouco efectivo. A algúns exemplares quitáronselle os cortadores e foron usados como avións antibuque equipados co rádar Fu G200 na proa, sendo denominados Ju 88 A-6/U.
  • Ju 88 A-7: versión de dous mandos do A-5.
  • Ju 88 A-8: un A-4 con cortadores de cables de globos cativos.
  • Ju 88 A-9/10/11: versións tropicalizadas dos A-1/A-2, A-5 e A-4 respectivamente.
  • Ju 88 A-12: adestrador de dobre mando con cúpula ventral, freos de picado e novo armamento.
  • Ju 88 A-13: tiña blindaxe extra e 16 metralladoras de tiro cara a adiante para asalto a baixa cota.
  • Ju 88 A-14: semellante ao A-8 pero cun canón de 20 mm na proa para misións antibuque.
  • Ju 88 A-15: tiña unha bodega agrandada onde podía levar ata 3.000 Kg de bombas.
  • Ju 88 A-16: un A-14 adestrador (ao estilo do A-12).
  • Ju 88 A-17: versión torpedeiro.

Serie B e E[editar | editar a fonte]

Junkers Ju 188

Foron a base do Junkers Ju 188, cun novo compartimento para a tripulación.

  • Ju 88 B-0: tiña unha enorme proa acristalada de baixa resistencia ao aire.

Series C e G[editar | editar a fonte]

Foron versións de caza.

  • Ju 88 C-1: primeira versión de caza destrutor. Tiña motores BMW 801MA e dous canón e dúas metralladoras de tiro frontal.
  • Ju 88 C-2: primeiro Zerstörer (caza destrutor) de serie convertido a partir do A-1.
  • Ju 88 C-4: baseado na célula do A-4 con maior envergadura e armamento instalado nunha proa sólida, dous canóns máis na góndola ventral e soportes subalares.
  • Ju 88 C-5: estaba equipado con motores BMW 801D-2 e unha burbulla baixo a bodega de bombas con dúas metralladoras e un canón de 20 mm e 3 metralladoras máis na proa.
  • Ju 88 C-6b: tiña blindaxe extra e un radar FuG202 ou 212.

Serie D[editar | editar a fonte]

Versión de recoñecemento.

  • Ju 88 D-1: baseada no A-4. Foi a versión principal da serie. Tiña unha bodega reformada para levar unha cámara Rb 20/30 e/ou unha 50/30. Elimináronselle os freos de picado e a capacidade de levar tanques lanzables de 300 litros baixo as ás.
  • Ju 88 D-2: baseada no A-5 e construída en febreiro de 1940 con motores Jumo 211G.

Serie H[editar | editar a fonte]

A Serie H foi deseñada como avión de recoñecemento para distancias extremadamente longas e tiña unha fuselaxe alongada con maior capacidade de combustible.

  • Ju 88 H-1: equipado con cámaras e co radar FuG 200 para o recoñecemento marítimo.

Serie P[editar | editar a fonte]

Desenvolveuse para contrarrestar a crecente ameaza dos carros de combate soviéticos. As catro versións da Serie P operaron en primeira liña na fronte oriental.

  • Ju 88 P-1: era un A-4 dotado dun canón de 75 mm.
  • Ju 88 P-2: tiña unha parella de canóns de 37 mm. Tamén foi usado como interceptador diúrno.
  • Ju 88 P-3: un P-2 con blindaxe extra.
  • Ju 88 P-4: tiña un único canón de 50 mm nunha pequena burbulla ventral.

Serie R[editar | editar a fonte]

Versión de caza.

  • Ju 88 R-1: semellante ao C-6b pero con motores radiais BMW 801.

Serie S[editar | editar a fonte]

A Serie S desenvolveuse como bombardeiro diúrno de grande velocidade e eincorporaba proa aerodinámica e motores BMW 801.

  • Ju 88 S-1: con motores BMW 801G-2 e sistema GM1 de inxección de óxido nitroso para aumentar a súa potencia.
  • Ju 88 S-2: con turbocompresores e unha bodega de bombas carenada.
  • Ju 88 S-3: impulsado por motores Jumo 213A e incorporaba o sistema de inxección de óxido nitroso.

Serie T[editar | editar a fonte]

Versión de rocoñecemento con tres asentos da Serie S.

  • Ju 88 T-1: baseado no Ju 88 S-1 pero con tanques de combustible extra no lugar das bombas.
  • Ju 88 T-3: baseado no Ju 88 S-3