Dólar de prata do 50 aniversario de USO

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar de prata do 50 aniversario de
USO (United Service Organizations)
A/: Bandeirola baseada no deseño do logo de USO. Marcas de gravador (RL e JM).

Lendas: IN GOD WE TRUST / 50th Anniversary / USO / LIBERTY 1991

R/: Aguia sobre globo terráqueo, con fita no peteiro, con oce estrelas debaixo. Marcas de ceca e de gravador (JM).

Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / FIFTY YEARS SERVICE / TO SERVE PEOPLE / E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR

O dólar de prata do 50 aniversario de USO (United Service Organizations) é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1991 e cuñada polas Casas da Moeda de San Francisco e de Denver.

Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 101-404, do 2 de outubro de 1990,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha moeda en conmemoración do 50 aniversario da fundación United Service Organizations (USO), unha entidade sen ánimo de lucro que achega servizos morais e de recreo aos membros das Forzas Armadas dos Estados Unidos por todo o mundo.[2]

Deseño[editar | editar a fonte]

Logotipo de United Service Organizations (USO), reproducido no anverso da moeda conmemorativa.

No anverso da moeda, deseñado por Robert Lamb, amósase unha bandeirola ao vento cun deseño baseado no do logo de USO; por riba dela a expresión 50th Anniversary ("50º Aniversario") en letra caligráfica e o lema habitual da moeda estadounidense IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos"), e por baixo a palabra LIBERTY e a data de 1991.[2][3]

Pola súa banda, o reverso, obra do gravador da US Mint John M. Mercanti, representa unha aguia cara á dereita cunha fita no peteiro coas siglas USO impresas; a aguia está pousada nun globo terráqueo, como símbolo do servizo global que presta a institución, e por baixo do globo hai doce estrelas formando un semióvalo. A lenda FIFTY YEARS SERVICE TO SERVE PEOPLE ("Cincuenta anos de servizo ás persoas") alude ao cincuentenario que se celebra.[2][3]

Produción e comercialización[editar | editar a fonte]

A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina dun millón de exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de Denver na súa versión estándar, en tanto que a Casa da Moeda de San Francisco se encargou da cuñaxe das moedas con acabamento especial (proof), e a emisión estivo dispoñible para a súa adquisición por parte da poboación a partir do 8 de xullo de 1991,[2] durante o desfile das tropas que regresaban da operación Treboada do Deserto, en Washington.[3]

A súa produción foi de 124.958 moedas na súa condición estándar e 321.275 en versión con acabamento especial (proof), o que fai un total de 446.233 exemplares, preto da metade da tiraxe máxima permitida pola lei.[3][4]

A moeda comercializouse aos prezos de 26 dólares en condición estándar e 31 en versión proof.[3] Consonte a lei que autorizou a moeda, a metade do beneficio conseguido coa súa venda destinouse a USO, para o financiamento dos seus programas en aeroportos, bases de fflotas, e centros familiares e comunitarios; e a metade restante devolveuse ao Tesouro co fin de diminuír a débeda nacional.[2][3]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]