Dólar de prata do 50 aniversario da segunda guerra mundial

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar de prata do 50 aniversario
da segunda guerra mundial
A/: Soldado no Desembarco de Normandía. Data e marca de gravador (TDR).

Lendas: D-DAY JUNE 6, 1944 / 1991-1995 / LIBERTY / IN GOD WE TRUST

R/: Insignia do Cuartel Xeral Supremo da Forza Expedicionaria Aliada e cita de Dwight D. Eisenhower. Marca de ceca.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM/ ONE DOLLAR

O dólar de prata do 50 aniversario da segunda guerra mundial é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1993 e cuñada polas Casas da Moeda de West Point e de Denver.

Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 102-414, do 14 de outubro de 1992,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha serie de moedas para conmemorar o 50 aniversario da participación dos Estados Unidos na segunda guerra mundial.[1][2][3]

Deseño[editar | editar a fonte]

No anverso da moeda, deseñado e gravado por Thomas D. Rogers, represéntase un soldado avanzando durante o Desembarco de Normandía, na segunda guerra mundial, con trincheiras ao fondo. A inscrición alusiva ao feito conmemorado é D_DAY JUNE 6, 1944 / 1991-1995, e completan as lendas do anverso os lemas IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") e LIBERTY ("Liberdade"), característicos das moedas estadounidenses.[4][3]

Insignia do Cuartel Xeral Supremo da Forza Expedicionaria Aliada, reproducida no reverso deste dólar conmemorativo.

Pola súa banda, o reverso, tamén obra de Thomas D. Rogers, reproduce a insignia do Cuartel Xeral Supremo da Forza Expedicionaria Aliada, xunto con esta cita de Dwight D. Eisenhower tirada da súa mensaxe ás tropas con motivo do Día D: I HAVE FULL CONFIDENCE IN YOUR COURAGE, DEVOTION TO DUTY AND SKILL IN BATTLE. WE WILL ACCEPT NOTHING LESS THAN FULL VICTORY! ("Confío plenamente no voso valor, na vosa devoción ao deber e na vosa habilidade na batalla. Non aceptaremos nada máis que a vitoria!"). Este motivo do reverso está rodeado polas lendas alusiva ao nome do país e ao valor facial da moeda, así como o lema E PLURIBUS UNUM.[4][3]

Produción e comercialización[editar | editar a fonte]

A lei que autorizou a emisión deste dólar conmemorativo prevía unha tiraxe máxina de un millón de exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de Denver na súa versión estándar, en tanto que a Casa da Moeda de West Point se encargou da cuñaxe das moedas con acabamento especial (proof).[4][3] A emisión foi presentada e posta ao dispor do público o día 28 de maio de 1993.[4]

A súa produción foi de 107.240 moedas na súa condición estándar e 342.041 en versión proof, o que fai un total de 449.281 exemplares.[2][3]

Este dólar conmemorativo comercializouse aos prezos de 28 dólares en condición estándar e 31 en versión proof.[3] Consonte a lei que autorizou esta emisión, os beneficios acadados coa súa comercialización foron destinados ás organizacións Battle of Normandy Foundation e World War II Memorial, para financiar a erección dun monumento en Normandía, Francia, conmemorativo do Día D e da Batalla de Normandía, así como un monumento conmemorativo no Distrito de Columbia dedicado aos estadounidenses que participaron na segunda guerra mundial .[4][3]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]