Dólar de prata conmemorativo da Casa da Moeda Vella de San Francisco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar de prata conmemorativo da
Casa da Moeda Vella de San Francisco
A/: Vista do edificio da antiga Casa da Moeda de San Francisco. Marca de gravador (SJW).

Lendas: LIBERTY / E PLURIBUS UNUM / 1906 -2006 / OLD MINT “THE GRANITE LADY” / INSTRUMENTAL IN SAN FRANCISCO’S RECOVERY

R/: Reprodución do reverso dun dólar Morgan. Marca de ceca (S).

Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / IN GOD WE TRUST / ONE DOLLAR

O dólar de prata conmemorativo da Casa da Moeda Vella de San Francisco é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 2006 e cuñada pola Ceca de San Francisco.

Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 109-230, do 15 de xuño de 2006,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha serie de dúas moedas para honrar a historia e o legado do edificio da antiga sede da Ceca de San Francisco, coñecido como a Dama de Granito, no centenario do terremoto e posterior incendio de San Francisco, na primavera de 1906.[2][3]

Xunto coa moeda dun dólar de prata, o programa conmemorativo complétase coa emisión doutra moeda, cuñada en ouro, co valor facial de cinco dólares, autorizada pola mesma lei.[3]

Deseño[editar | editar a fonte]

No anverso da moeda represéntase unha interpretación da esquina esquerda da antiga Casa da Moeda de San Francisco, que estaba inicialmente preparada para unha medalla deseñada por Sherl J. Winter. Completan o anverso as inscricións OLD MINT “THE GRANITE LADY ("Ceca vella "a Dama de Granito") e INSTRUMENTAL IN SAN FRANCISCO’S RECOVERY ("Un instrumento para a recuperación de San Francisco"), xunto cos lemas E PLURIBUS UNUM ("De moitos, un") e LIBERTY ("Liberdade"), tradicionais das moedas estadounidenses, e a dobre data da conmemoración 1906 - 2006.[2][4]

Pola súa banda, o reverso supón unha réplica do reverso do coñecido como dólar Morgan de 1904, deseñado por George T. Morgan e gravado para esta emisión por Joseph Menna, acompañado polo careacterístico lema IN GOD WE TRUST e a as lendas alusivas ao nome do país e ao valor facial da moeda.[2][4]

Produción e comercialización[editar | editar a fonte]

A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina de 500.000 exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de San Francisco e a emisión estivo dispoñible para a súa adquisición por parte da poboación a partir do 15 de agosto de 2006.[2][4][5]

A súa produción foi de 65.609 moedas na súa condición estándar e 207.248 en versión con acabamento especial (proof) o que fai un total de 272.857 exemplares, pouco máis da metade dos autorizados pola lei.[6]

Este dólar conmemorativo comercializouse aos prezos de 35 dólares en condición estándar e 39 en versión proof.[4] Consonte a lei que autorizou a moeda, o beneficio acadado pola súa venda foi destinado ao Museo e Sociedade Histórica de San Francisco, co fin de contribuír ao financiamento da rehabilitación da vella Casa da Moeda de San Francisco como museo da cidade, da moeda estadounidense e da Febre do Ouro.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]