Convención de Berna para a protección das obras literarias e artísticas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estados membros da Convención de Berna (azul).

A convención de Berna para a protección das obras literarias e artísticas, máis coñecida simplemente como a convención de Berna ou polas siglas CBERPOLA, é un tratado internacional sobre a protección dos dereitos de autor sobre obras literarias e artísticas. A primeira versión foi asinada o 9 de setembro de 1886, e foi completada e revisada en varias ocasións, sendo a última enmenda do 28 de setembro de 1979.

A convención de Berna apóiase en tres principios básicos, e contén unha serie de disposicións que determinan a protección mínima de obras literarias e artísticas que se concede á persoa autora, amais das disposicións especiais dispoñibles para os países en desenvolvemento que tivesen interese en aplicalos. En xuño de 2009, 164 estados asinaran a convención[1].

Contido[editar | editar a fonte]

Os tres principios básicos son os seguintes:

  1. As obras literarias orixinadas nalgún dos estados contratantes poderán recibir en cada un dos demais estados contratantes a mesma protección que estes outorgan ás obras da súa propia cidadanía.
  2. Esa protección non debe estar condicionada ao cumprimento de formalidade ningunha.
  3. Esa protección é independente da existencia dunha protección correspondente no país de orixe da obra. Porén, se un estado contratante prové un prazo máis longo que o mínimo prescrito pola convención, e a obra deixa de estar protexida no país de orixen, a protección pode serlle negada unha vez que cese a protección no país de orixe.

En canto ás obras, a protección pode incluír todas as producións no dominio literario, científico e de artes plásticas, calquera que poida ser a súa modalidade ou forma de expresión (artigo 2(1)). Os seguintes dereitos figuran entre os que deben ser recoñecidos como dereitos exclusivos de autorización: os dereitos de traducir, de facer adaptacións e arranxos da obra; de interpretar en público obras dramáticas, dramático-musicais e musicais; de recitar en público obras literarias; de comunicar ao público a interpretación deses traballos; de difundilos; de reproducilos en calquera modalidade ou forma; de usar as obras como base para un traballo audiovisual; e de reproducir, distribuír, interpretar en público ou comunicar ao público esa obra audiovisual.

A convención abarca tamén os "dereitos morais", é dicir, o dereito de reclamar a autoría da obra e o dereito de opoñerse a calquera mutilación, deformación ou outra modificación da mesma, ou ben, doutras accións que danen a obra e poderían ser prexudiciais para a honra ou o prestixio da persoa autora.

En canto á vixencia da protección, a regra xeral dispón que se deberá conceder protección, como mínimo, até que conclúa un período de 50 anos a partir da morte da persoa autora.

Por "Obras literarias e artísticas" enténdense todas as producións no campo literario, científico e artístico, calquera que sexa o modo ou forma de expresión, tales como os libros, folletos e outros escritos; as conferencias, alocucións, sermóns e outras obras da mesma natureza; as obras dramáticas ou dramático-musicais; as obras coreográficas e as pantomimas; as composicións musicais con ou sen letra; as obras cinematográficas, ás que se asimilan as obras expresadas por procedemento análogo á cinematografía; as obras de debuxo, pintura, arquitectura, escultura, gravado, litografía; as obras fotográficas ás que se asimilan as expresadas por procedemento análogo á fotografía; as obras de artes aplicadas; as ilustracións, mapas, planos, croquis e obras plásticas relativos á xeografía, á topografía, á arquitectura ou ás ciencias.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]