Contos por palabras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Contos por palabras
Autor/aAgustín Fernández Paz
Ilustrador/aEnjamio
CubertaEnjamio
OrixeGalicia Galicia
LinguaGalega
ColecciónMerlín
Xénero(s)relatos
EditorialEdicións Xerais de Galicia
Data de pub.1991
Páxinas107
ISBNISBN 84-7507-557-6
editar datos en Wikidata ]

Contos por palabras é un libro de relatos de Agustín Fernández Paz publicado en 1991 por Edicións Xerais de Galicia. A 1ª edición contiña oito relatos, ampliados a dez a partir da 8ª, publicada en maio de 2001. En outubro de 2010 saíu do prelo a 24ª edición.

Trama[editar | editar a fonte]

Os dez relatos foron construídos a partir de cadanseu anuncio por palabras publicados realmente na prensa, recurso que serve para darlle unidade[1].

O xornal a diario (Unha confesión)[editar | editar a fonte]

O autor implícito expón que, farto de ler as novas dos xornais nas que non aparece a vida da xente corrente e aconsellado por unha amiga, agora converteu a sección de anuncios por palabras na súa favorita, pois nela si buliga a vida da xente normal e el pode descubrir as historias agachadas nesas breves mensaxes.

Unha chave non é suficiente[editar | editar a fonte]

O narrador protagonista le o 29 de maio, cando el cumpre 42 anos, un anuncio que non se repite máis. Leva meses con depresión e pensa que esa é a oportunidade de solucionar os seus problemas, así que despois dalgunhas dúbidas acode ao local do anuncio onde lle din que o seu encargo ten fácil solución e efectivamente a partir de entón séntese con novos ánimos e cunha ilusión na súa vida.

O caso do unicornio azul[editar | editar a fonte]

O narrador protagonista lembra como cambiou a súa vida a raíz dunha visita. Farto do seu traballo como detective, abriu unha axencia matrimonial que foi prosperando ata o día no que apareceu un estraño cliente que agora o leva a percorrer Galiza na procura dunha parella para el e acaba dirixíndose ao narratario solicitando axuda.

Un artista do neon[editar | editar a fonte]

O narrador protagonista diríxese a un narratario intradiexético para contarlle as razóns do seu despido “por exceso de sensibilidade artística”[2].

Vanesa e o anuncio de televisión[editar | editar a fonte]

A nai de Vanesa, engaiolada polo éxito da nena Mercedes facendo anuncios de televisión, pasa meses preparando a súa filla para o mesmo fin, con grande desesperación de Vanesa, ata que no primeiro casting a rexeitan e a nai acaba perdendo o entusiasmo.

O caso do estraño empregado[editar | editar a fonte]

Nunha conversa telefónica na que só se reproducen as intervencións dun dos interlocutores, este cóntalle ao outro o resultado dunha selección de persoal na que o máis idóneo é un moi pálido, ao que lle molesta a luz, con dous dentes longos, vestido de negro e cunha capa de forro vermello…

Ser superheroe non é nada doado[editar | editar a fonte]

O narrador protagonista, dono dunha empresa de limpeza, conta como medrou o negocio en poucos meses ao contratar ao seu empregado estrela: o Home-Araña.

Un doce emprego[editar | editar a fonte]

O narrador protagonista leva meses buscando un emprego digno e cre atopalo nun anuncio por palabras. Antes de chamar por teléfono pensa nas diferentes posibilidades que ofrece e, enleado nas súas propias hipóteses, indígnase e rexeita esa “explotación enmascarada, propia dunha mente retorcida”[3].

Noites de lúa chea[editar | editar a fonte]

O relato consta de varios fragmentos de cartas que unha manicura lle escribe a unha amiga contándolle a historia dun estraño cliente, un lord inglés, que a chama varios días seguidos para amañar unhas mans que parecen levar toda a vida descoidadas. Hai tamén fragmentos doutros escritos que completan a historia: do propio lord explicando a maldición que afecta aos varóns da súa familia, do informe sobre a desaparición da manicura e unha nova de sociedade do xornal The Guardian na que coñecemos o final dos protagonistas.

Un máxico negocio[editar | editar a fonte]

Mefisto e Ana teñen un próspero negocio de bruxaría e el párase a ler a entrevista que lle fixeron para Bruxos & Magos, a única revista do seu xénero no mundo, na que fala do seu pasado, como coñeceu a Ana, o novo enfoque que lle deu á súa profesión…

O libro das infinitas historias[editar | editar a fonte]

A narradora protagonista, que rexenta un negocio de compra-venda de libros, lembra a teima de seu pai por conseguir o Libro das infinitas historias, que se transformaba seguindo os desexos do lector. El conseguira telo nas súas mans e saber que o comprara alguén que o mandou reencadernar como un dos cento cincuenta volumes da colección A novela de sempre. Dedicou o resto da súa vida a buscalo e logo seguiu co labor a protagonista.

Referencias literarias na obra[editar | editar a fonte]

Como é usual en toda a obra de Agustín Fernández Paz[4], o libro está inzado de referencias literarias, que neste caso conducen a uns protagonistas tomados da mitoloxía da literatura infantil-xuvenil[5]: o unicornio, o Home-Araña, o Home-Lobo, Drácula…

Premios[editar | editar a fonte]

  • Premio Lazarillo, 1990.
  • Lista de Honor do IBBY para o bienio 1990-92.
  • Finalista do Premio Nacional de Literatura no ano 1992.
  • Premio lecturas Galix, 2003.
  • Elixido un dos dez títulos imprescindibles da LIX Española do Século XX, 2010.

Traducións[editar | editar a fonte]

  • Ao castelán por Rafael Chacón Calvar co título de Cuentos por palabras e publicado en 1991 en SM, na colección El Barco de Vapor[6].
  • Ao catalán por Vilama Devi como Contes per paraules, publicado en 1991 por Cruïlla, na Colección El vaixell de vapor[7].
  • Ao éuscaro por Jon Suárez Barrutia como Iragarki Ipuinak (SM, Colección Baporea bilduma, 1992)[8].
  • Ao asturiano por Ester Castro Manzano como Cuentos por palabres (Ediciones Trabe, 1993)[9].
  • Ao francés por André Gabastou como Le livre des petites annonces (Éditions La Joie de Lire, 2001)[10].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Contos por Palabras" (PDF). agustinfernandezpaz.gal. Consultado o 11/10/2017. 
  2. Fernández Paz, Agustín (2002). Contos por palabras. Ed. Xerais. p. 33. ISBN 84-8302-634-1. 
  3. Fernández Paz 2002, p. 82.
  4. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 15 de agosto de 2016. Consultado o 11 de outubro de 2017. 
  5. "Contos por Palabras" (PDF). agustinfernandezpaz.gal. Consultado o 11/10/2017. 
  6. "Cuentos por palabras". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2017. Consultado o 2019-07-18. 
  7. "Contes per paraules". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2017. Consultado o 2019-07-18. 
  8. "Iragarki Ipuinak". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2017. Consultado o 2019-07-18. 
  9. "Cuentos por palabres". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2017. Consultado o 2019-07-18. 
  10. "Le livre des petites annonces". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2017. Consultado o 2019-07-18. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]