Narratario

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Nas obras literarias, o narratario é a persoa a quen o narrador dirixe o seu discurso. Non se debe confundir co lector, que pode ser un "lector virtual" (o tipo de lector que o narrador ten en mente ao compor o discurso) ou o "lector ideal" (o lector que comprendería todo o que o autor/narrador está a relatar). O termo foi introducido por Gerald Prince.

Concepto[editar | editar a fonte]

En poucas palabras, poderíase distinguir escritor, autor e narrador dicindo que o escritor (autor real) é un elemento máis do universo textual, é o ser cargado de experiencias e saberes que, nun momento dado, presta os seus coñecementos ó autor (autor implícito) para montar o texto narrativo, permitindo así que quen fale no relato sexa o narrador, mais esta secuencia precisa dunha maior aclaración.

Para que unha historia poida ser contada, é imprescindible a presenza dun narrador que presente os personaxes, desenvolva o relato dos acontecementos e os sitúe nun marco espazo-temporal. A figura do narrador, pertencente ó plano da ficción literaria, non debe ser confundida coa do autor, que se sitúa no plano da realidade. No esquema da narrativa de ficción á figura do narrador correspóndelle un narratario, representación ideal do lector, que ten a función de darlle sentido á historia interpretando o que se conta nela e imaxinando o que non se di no texto.

Este esquema da ficción narrativa non é aplicable á narración de feitos reais que se fai na fala cotiá, nas noticias xornalísticas, nunha autobiografía, nun libro de memorias ou nunha crónica histórica; neste caso non existen dous planos independentes, o da realidade e o da ficción. Polo tanto, o emisor coincide co autor real ou coa persoa que pronuncia oralmente o discurso.

O narratario é o destinatario interno da narración. Obsérvanse tres tipos

  • En moitos casos, o narratario está representado, é un verdadeiro personaxe do relato, é intradiexético, escoita directamente o relato e pode substituír o narrador na provisión de información.
  • O narrador diríxese a un narratario extradiexético que se converte en destinatario segundo ou paranarratario (Pénsese no caso dun escritor que escriba un conto a un narratario extradiexético que vai recibir o tal conto para incluílo nunha obra en que el compón o narrador intradiexético).

A maiores, cando hai un narrador secundario no discurso denomínase paranarrador (un narrador conta que un paranarrador narra algo). Ó paranarrador correspóndelle un paranarratario (un narrador conta a un narratario que un paranarrador narra algo a un paranarratario).

  • O narrador diríxese a un narratario extradiexético, non representado, remitindo a presuposicións comúns. Imaxinando, por exemplo, que está en disposición de comprender algunhas referencias circunstanciais de distintos tipos -localidades, usos, costumes, formas idiomáticas,...- coma se pertencese ó mundo da narración.

Exemplos en obras[editar | editar a fonte]