Clasificación de Baltimore

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A clasificación de Baltimore dos virus, creada polo biólogo norteamericano[1] David Baltimore, está baseada no método usado para a síntese do ARNm viral. (bc = bicatenario, mc = monocatenario, RT = reversotranscrición).

A clasificación de Baltimore é unha clasificación dos virus elaborada polo biólogo norteamericano David Baltimore. Neste sistema de clasificación dos virus estes están agrupados en familias, dependendo do seu tipo de xenoma (ADN, ARN, monocatenario ou bicatenario etc.) e o seu método de replicación.

Actualmente, esta clasificación convive e compleméntase coa clasificación do Comité Internacional de Taxonomía de Virus (ICTV).

Clasificación[editar | editar a fonte]

Clasificar os virus segundo o seu xenoma significa que os que quedan encadrados na mesma categoría se comportarán basicamente da mesma maneira, o cal facilita as investigacións. Os grupos son:

  • Clase I: Virus de ADN bicatenarios (por exemplo, Adenovirus, Herpesvirus, Poxvirus)
  • Clase II: Virus de ADN monocatenarios (de fibra + ou "sentido") (por exemplo, Parvovirus)
  • Clase III: Virus de ARN bicatenarios (por exemplo, Reovirus)
  • Clase IV: Virus de ARN monocatenarios (+) (de fibra + ou sentido) (por exemplo, Picornavirus, Togavirus)
  • Clase V: Virus de ARN monocatenarios (−) (de fibra − ou antisentido) (por exemplo, Orthomyxovirus, Rhabdovirus)
  • Clase VI: Virus de ARN monocatenario-RT (de fibra + ou sentido) con retrotranscrición e cun intermediario de ADN no seu ciclo vital (por exemplo, Retrovirus)
  • Clase VII: Virus de ADN bicatenario-RT con retrotranscrición (por exemplo, Hepadnavirus).

Clase I: Virus de ADN bicatenario[editar | editar a fonte]

Este tipo de virus xeralmente debe entrar no núcleo celular do hóspede para poder replicarse. Ademais, estes virus requiren unha ADN polimerase da célula para replicar o seu xenoma viral e, por tanto, son moi dependentes do ciclo celular. Para unha adecuada infección e produción de proxenie requiren que a célula estea en replicación, xa que é durante a replicación cando as polimerases da célula están activas. O virus pode inducir forzadamente á célula a realizar a división celular, o cal pode levar á transformación celular e, finalmente, a un cancro. Exemplos son os Herpesviridae, Adenoviridae, e Papovaviridae.

Só hai un exemplo ben estudado no cal un virus da clase I non se replica no núcleo, que é o da familia dos Poxvirus, uns virus moi patoxénicos que infectan vertebrados e inclúen o virus da varíola.

O ARNm transcríbese na forma normal a partir do ADN utilizando os encimas de transcrición do hóspede, orixinando dous tipos de ARNm:

  1. ARNm temperán (transcrito antes da síntese do ADN viral)
  2. ARNm tardío (transcrito a partir do ADN da proxenie).

Clase II: Virus de ADN monocatenario[editar | editar a fonte]

Entre os virus desta categoría están os Anelloviridae, Circoviridae, e Parvoviridae (que infectan vertebrados), os Geminiviridae e Nanoviridae (que infectan plantas), e os Microviridae (que infectan procariotas). A maioría deles teñen xenomas circulares (os parvovirus son a única excepción coñecida). Os virus que infectan eucariotas replícanse principalmente no núcleo, xeralmente por medio dun mecanismo de círculos rodantes, formando un intermediato de ADN bicatenario no proceso. Nesta clasificación inclúese un frecuente pero asintomático Anellovirus humano chamado Virus Transmitido nas Transfusións (ou Torque teno virus, TTV).

Clase III: Virus de ARN bicatenario[editar | editar a fonte]

Igual que ocorre coa maioría dos virus de ARN, os desta clase replícanse no citoplasma, e non teñen que utilizar as polimerases replicativas do hóspede no mesmo grao que os virus de ADN. Este grupo non está tan ben estudado coma o resto e inclúe dúas grandes familias, os Reoviridae e os Birnaviridae. A replicación é monocistrónica e inclúe xenomas segmentados separados, o que significa que cada xene codifica só unha proteína, a diferenza doutros virus, que mostran unha tradución máis complexa.

Clases IV e V: Virus de ARN monocatenario[editar | editar a fonte]

Os virus de ARN monocatenario pertencen ás clases IV ou V da clasificación de Baltimore. Poden agruparse en virus de sentido negativo ou positivo segundo o sentido de polaridade do seu ARN. O ARN monocatenario é a característica común destes virus. A replicación dos virus ocorre no citoplasma e non dependen tanto do ciclo celular coma os virus de ADN.

Clase IV: Virus de ARN monocatenario de sentido positivo[editar | editar a fonte]

Un ARN de sentido positivo (como o destes virus) pode acceder aos ribosomas e ser traducido directamente a proteínas. Poden dividirse en dous grupos, que se replican ambos os dous no citoplasma:

  • Virus con ARNm policistrónico, nos que o xenoma de ARN constitúe o ARNm e son traducidos a un produto poliproteico que é despois clivado (cortado) para formar as proteínas maduras. Isto significa que o xene pode utilizar varios métodos para producir proteínas a partir do da mesma fibra de ARN, para así reducir o tamaño dos seus xenes.
  • Virus con transcrición complexa, nos cales se usan ARNm subxenómicos, cambio de marco ribosómico (frameshifting ), e procesamento proteolítico de poliproteínas. Todos eles son diferentes mecanismos para producir proteínas a partir dunha mesma fibra de ARN.

Exemplos desta clase son as familias Astroviridae, Caliciviridae, Coronaviridae, Flaviviridae, Picornaviridae, Arteriviridae, e Togaviridae.

Clase V: Virus de ARN monocatenario de sentido negativo[editar | editar a fonte]

Un ARN de sentido negativo (como o destes virus) non pode acceder e ser traducido directamente nos ribosomas do hóspede. Primeiro debe ser transcrito por unha polimerase viral a unha forma que poida ser "lida" no ribosoma, que é a fibra de sentido positivo recíproca complementaria. Poden dividirse en dous grupos:

  • Virus que teñen xenomas non segmentados, nos cales o primeiro paso da replicación é a transcrición do seu xenoma de fibra negativa por unha ARN polimerase-ARN-dependente viral para render ARNm monocistrónico que codifica as varia proteínas virais. Despois prodúcese unha copia do xenoma de sentido positivo que serve como molde para a produción do xenoma de fibra negativa que levarán os virus da proxenie. A replicación ten lugar no citoplasma.
  • Virus con xenomas segmentados, os cales se replican no núcleo da célula e nos cales a ARN polimerase-ARN dependente produce ARNm monocistrónico a partir de cada segmento do xenoma. A maior diferenza entre os dous é o lugar onde se produce a replicación.

Exemplos desta clase son as familias Arenaviridae, Orthomyxoviridae, Paramyxoviridae, Bunyaviridae, Filoviridae, e Rhabdoviridae (esta última inclúe o virus da rabia).

Clase VI: Virus de ARN monocatenario de sentido positivo que se replican por medio dun intermediario de ADN[editar | editar a fonte]

Unha familia ben estudada desta clase de virus é a dos retrovirus. Unha das súas características definitorias é o uso do encima transcriptase inversa ou reversotranscriptase para converter o seu ARN de sentido positivo en ADN, que se integra dentro do xenoma do hóspede utilizando unha integrase. En lugar de usar directamente o ARN inicial como molde de proteínas, utilizan o ADN para crear por transcrición normal os moldes de ARNm. A replicación pode despois comezar coa axuda das polimerases da célula hóspede. Un exemplo é o VIH.

Clase VII: Virus de ADN bicatenarios que se replican por medio dun intermediario de ARN monocatenario[editar | editar a fonte]

Este pequeno grupo de virus, exemplificado polo virus da hepatite B (que pertence á familia Hepadnaviridae), teñen un xenoma de dobre cadea con ocos, que son posteriormente enchidos para formar un círculo cerrado covalentemente (ccc DNA) que serve como molde para a produción de ARNm viral e ARN subxenómico. O prexenoma de ARN serve como molde para a transcriptase inversa viral e para a produción do xenoma de ADN.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Baltimore D (1971). "Expression of animal virus genomes". Bacteriol Rev 35 (3): 235–41. PMC 378387. PMID 4329869. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]