Cistite intersticial

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vexiga urinaria masculina e feminina.

A cistite intersticial ou síndrome da vexiga dolorosa é unha doenza de causa descoñecida que se caracteriza por un aumento da frecuencia urinaria, a sensación de non poder conter a urina e a urxencia de miccionar o máis axiña posible. Tamén coexiste, xunto a estes síntomas, a dor na zona perineal ou abdominal. Todos estes síntomas prodúcense en ausencia dunha infección urinaria. Igual que moitas das patoloxías de etioloxía descoñecida, o diagnóstico é de exclusión[1] e baseado en síntomas do paciente.

Causa[editar | editar a fonte]

As causas da cistite intersticial son descoñecidas.[2]

Síntomas[editar | editar a fonte]

Os síntomas da cistite intersticial inclúen:

  • Dor pélvico
  • Aumento na frecuencia miccional (Poliaquiuria)
  • Nicturia (aumento da micción pola noite)
  • Disuria (dor ao miccionar).

Tratamento[editar | editar a fonte]

Dado que non se coñecen as causas da doenza, non existe un tratamento específico da enfermidade.

As opcións terapéuticas abranguen o tratamento médico, cirúrxico ou o cambio no estilo de vida.

En canto aos hábitos, recoméndase evitar o alcohol, a cafeína, as froitas da familia dos cítricos ou as comidas picantes, pois semella que estes compoñentes poden agravar a irritación da vexiga urinaria. O exercicio físico, e en especial os exercios do chan pélvico de Kegel, poden ser útiles. Outras medidas non farmacolóxicas inclúen a redución do estrés ou a psicoterapia.

O tratamento da dor derivado da cistite intersticial trátase de xeito similar a outras patoloxías que cursan con dor. Os máis empregados son os analxésicos vía oral, coma os AINEs (ibuprofeno, dexketoprofeno ou metamizol) o paracetamol ou o polisufato de pentosano sódico. Tamén se empregan antidepresivos tricíclicos ou anticonvulsivantes.

O tratamento medicamentoso tópico intravesical pode ser con dimetilsulfóxido ou con lidocaína. O tratamento círurxico consiste na hidrodistensión.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Un diagnóstico "de exlusión" é aquel que se fai cando antes se descartaron (de aí o nome "de exclusión") todas as demais enfermidades que poden causar eses síntomas.
  2. Akiyama (2021). "Biomarkers in Interstitial Cystitis/Bladder Pain Syndrome with and without Hunner Lesion: A Review and Future Perspectives." (PDF). Diagnostics. doi:10.3390/diagnostics11122238. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]