Capilaria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Capilaria
capilaria
capilaria
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Pteridophyta
Clase: Pteridopsida
Orde: Pteridales
Familia: Pteridaceae
Subfamilia: Vittarioideae
Xénero: 'Adiantum'
Especie: ''A. capillus-veneris''
Nome binomial
''Adiantum capillus-veneris''
L.


A capilaria[1] (Adiantum capillus-veneris L.) é un fento do xénero Adiantum da familia Pteridaceae. Aparece en zonas temperadas e tropicais de todo o mundo. Medra nas catro provincias galegas.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome específico capillus -veneris vén do latín capillus, -i = cabelo, cabeleira; Venus, -eris = Venus, logo cabelo de Venus. O nome vulgar galego: capilaria, ten a mesma etimoloxía.

As follas deste fento compáranse cos pelos dunha fermosa cabeleira, empregándose asemade na antigüidade para o coidado do cabelo, pois tíñase a crenza de que as plantas eran medicinalmente boas para as afeccións do órgano ao que se asemellan.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Adiantum capillus-veneris foi descrita por Carl von Linné e publicado e Species Plantarum en 1753.

Descrición[editar | editar a fonte]

Detalle das frondes

É un fento miúdo vivaz provisto dun rizoma rastreiro densamente cuierto de páleas estreitas e acastañadas do que xorden frondes de (3) 10 – 30 (40) cm de lonxitude. O pecíolo é igual ou lixeiramente máis curto que a lámina, de cor parda escura con tons avermellados ou negro. A lámina é de aparencia feble e delicada, de contorna oval ou ovada lanceolada, 1 – 3 pinnatisectas. As pínnulas teñen un peciólulo das mesmas características ca o pecíolo; as fértiles son flabeladas e teñen o ápice irregularmente lobulado; as estériles teñen forma de cuña e a súa marxe é máis ou menos serrada. As pínnulas presentan un fino sistema de veas que se ramifica dicotomicamente até a marxe. Os soros están protexidos polas dobreces lobuladas do ápice (a xeito de falso indusio) das pínnulas e teñen forma rectangular ou de ril, formados por 2 – 10 fileiras de esporanxios, cunha tonalidade castaña. Esporas tetraédricas – globosas, triletas, escuras e verrugosas.

Distribución[editar | editar a fonte]

En zonas temperadas e tropicais de todo o mundo. Aparece nas 4 provincias galegas.

Hábitat e ecoloxía[editar | editar a fonte]

Este fento é característico de paredes polas que escorre a auga, moi frecuentemente ligado ao goteo das rochas porosas calcarias. Vai entre o nivel mar e os 1500 m de altitude. Clase: Adiantea capilli-veneris. Comunidades formadas esencialmente por comunidades brio-pteridofíticas que colonizan cantís, muros e penedos enchoupados de augas carbonatadas que precipitan sobre os restos orgánicos, polo que en ocasións forman sedimentos calcarios. Ademais da capilaria é característica destes ecosistemas: Pinguicula grandiflora subsp. grandiflora.

Requirimentos ecolóxicos[editar | editar a fonte]

Require penumbra e calor. Medra principalmente no piso colino principalmente. Prefire solos húmidos ou moi húmidos (indicadora de humidade) e exclusivamente básicos (pH maior de 6; indicadora de solos ricos en bases). Mellor en solos pobres azote.

Fungos asociados[editar | editar a fonte]

O fungo Hyalopsora adianti-capilli-veneris parasita as frondes da capilaria; no envés das frondes óllanse unhas bóchegas alaranxadas que corresponden ao fungo.

Usos[editar | editar a fonte]

Usos medicinais[editar | editar a fonte]

Ten principios antitusíxenos e expectorantes. A capilaria empregouse dende a antigüidade coma planta medicinal, xa Dioscórides, médico, farmacólogo e botánico grego, a mencionaba nos seus escritos. Hoxe en día é pouco usada na medicina. Coma menciña natural as frondes frescas ou secas sábese que teñen propiedades antitusíxenas, adstrinxentes, depurativas, emolientes, febrífugas, laxantes, refrixerantes, estimulantes e sudoríficas; lixeiramente expectorantes e emenagogas. Emprégase en infusión ou xarope para combater a bronquite e afeccións da gorxa e tamén no tratamento do alcoholismo e para a eliminación de lombrigas parasitas. Emprégase externamente contra as mordedelas das serpes e picadas das abellas entre outras. No Nepal emprégase coma untura aplicado na testa contra as dores da cabeza.

Usos culinarios[editar | editar a fonte]

As frondes empréganse coma adubo en pratos doces, e secas para preparar infusións, incluso polo verán coma xaropes culinarios: cócense amodo durante varias horas e posteriormente se mesturan con azucre e o zume de froitas para preparar unha refrescante bebida.

Tamén se emprega coma planta ornamental.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome vulgar galego preferido en Termos Esenciais de Botánica do Servizo de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Lugo - Universidade de Santiago de Compostela, 2002. Tamén en Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, E. Losada, J. Castro e E. Niño, (1992):, Xunta de Galicia

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]