Código de Cabalaría

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Konrad von Limpurg como un cabaleiro armado pola súa dama no Codex Manesse (principios do século XIV)

O código de cabalaría ou só cabalaría, é un código de conduta informal e variado desenvolvido en Europa entre 1170 e 1220. Foi asociado coa institución cristiá medieval de cabalaría,[1][2] o comportamento dos cabaleiros e señores viñan gobernados por estes códigos. Os códigos ideais de cabalaría popularizáronse na literatura medieval, en particular os ciclos literarios coñecidos como a Materia de Francia, relacionados cos compañeiros lendarios de Carlomagno e os seus homes de armas, os paladíns, e a Materia de Bretaña, informada por Godofredo de Monmouth na Historia Regum Britanniae, escrita na década de 1130, que popularizou a lenda do Rei Artur e os seus cabaleiros da Táboa Redonda.[1]

O código de cabalaría que se desenvolveu na Europa medieval tivo as súas raíces en séculos anteriores. Xurdiu no Imperio Carolinxio a partir da idealización dos cabaleiros, que implicaba valentía militar, adestramento individual e servizo aos demais, especialmente en Francia, entre os cabaleiros de Carlomagno.[3][4] O termo "cabalaría" deriva do termo francés antigo chevalerie, que se pode traducir como "soldados a cabalo". Orixinalmente, o termo referíase só aos homes a cabalo, da palabra francesa para cabalo, cheval, pero posteriormente asociouse cos ideais de cabalaría.[5]

Co paso do tempo, o seu significado en Europa foise perfeccionando para salientar virtudes sociais e morais máis xerais. O código de cabalaría, tal e como estaba na Baixa Idade Media, era un sistema moral que combinaba a ética do guerreiro, a piedade do cabaleiro e costumes corteses, todos combinados para establecer unha noción de honra e nobreza.

A fonte da idea cabaleiresca, é o orgullo que aspira á beleza, e o orgullo formalizado dá lugar a unha concepción de honra, que sería un dos piares da vida nobre.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Keen, Maurice Hugh (2005). Chivalry. Yale University Press. ISBN 9780300107678. 
  2. Weatherly, Cecil (1911). "Knighthood and Chivalry". Encyclopædia Britannica, Cambridge University Press: 851–867. 
  3. Gautier, Léon (1891). Chivalry. ISBN 9780517686355. 
  4. Flori, Jean (1998). La Chevalerie. ISBN 978-2877473453. 
  5. Dougherty, Martin (2008). Weapons and Fighting Techniques of the Medieval Warrior 1000–1500 AD. Chartwell Books. p. 74. ISBN 9780785834250. 
  6. Huizinga, Johan (1919). The Autumn of the Middle Ages. ISBN 9780226359922.