Cortesía verbal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Cortesía»)

A cortesía verbal é unha institución cultural que participa no establecemento e mantemento das relacións sociais. Dende unha perspectiva xeral facilita a interacción entre as persoas. Este carácter cultural mostra diferenzas notables entre unhas sociedades e outras. Sirva de exemplo a función dos eructos nas sociedades islámicas fronte as occidentais.

A cortesía interactúa con conceptos pragmáticos coma os actos de fala, que se poden caracterizar coma corteses ou non corteses, así alagar, ofrecer ou invitar son actos corteses, mentres que ordenar, pedir, mandar ou insultar son actos que evidencian unha descortesía.[Cómpre referencia]

A visión de Robin Lakoff[editar | editar a fonte]

Con respecto ao estudo da Cortesía dentro da vertente pragmática, unha das primeiras autoras que propuxo estratexias lingüísticas, en forma de máximas, foi Robin Lakoff. Propón tres estratexias:

  1. Non impoñer a vontade persoal á do interlocutor.
  2. Indicar opcións.
  3. Facer que o interlocutor se sinta ben. Ser amable.

A primeira regra aplicarase sobre todo a actos exhortativos, de tal maneira que se suavicen e pasen de ser mandatos a ser rogos ou peticións, cambiar a modalidade exclamativa pola interrogativa. Tamén a segunda regra se pode referir ao uso da modalidade epistémica en lugar da pura aseveración, de modo que as mensaxes comecen con recursos corteses do tipo eu coido que... ou penso que.... Este tipo de estratexias que tratan de minorar un acto descortés denomínanse de cortesía negativa,

A terceira máxima ten un ámbito de aplicación máis xeral, implica reforzar a cortesía en si, non só con actos lingüísticos do tipo alago, ofrecemento etc, senón tamén empregando elementos cinésicos e proxémicos como sorrisos, caricias, palmadas, entre outros, que forman parte do día a día nas nosas interaccións. Fálase entón de estratexias de cortesía positiva.

A análise custo-beneficio de G. Leech[editar | editar a fonte]

En 1983, G. Leech interpreta a cortesía coma o principio regulador da distancia social e fala de cortesía relativa, que depende das posicións sociais dos interlocutores, e de cortesía absoluta, que caracteriza os actos de fala como tales. Un exemplo de cortesía relativa sería tratar de vostede, ou simplemente falarlle co respecto que se supón se merece, a unha persoa maior, ou a alguén de rango social elevado, coma o representante dunha institución (presidentes, reis etc). Fronte a isto, un exemplo de cortesía relativa é transformar unha orde ou un mandato nunha petición, ou nunha simple pregunta.

Segundo Leech, unha acción é máis cortés canto maior é o custo para o emisor e maior sexa o beneficio para o destinatario, así: ofrecer, invitar etc. Pola contra, canto maior sexa o custo para o destinatario e maior o beneficio para o emisor, o acto será máis descortés: mandar, pedir etc. Así, establécense catro tipo de accións en relación coa cortesía absoluta:

  1. Accións que apoian a cortesía: melloran a relación social entre os interlocutores, xa que supoñen un custo para o emisor e un beneficio para o destinatario: ofrecer, invitar, felicitar etc.
  2. Accións indiferentes á cortesía, nas que hai un equilibrio na relación custo - beneficio, tanto para o emisor coma para o destinatario.
  3. Accións que entran en conflito coa cortesía: implican un custo para o destinatario e un beneficio para o emisor: pedir, mandar, preguntar, solicitar etc. Nestes casos cómpre introducir elementos de cortesía relativa para compensar a descortesía intrínseca a estes actos.
  4. Accións que atentan contra o mantemento das relacións sociais, rompen estas relacións ou dánanas gravemente: ameazar, calumniar, insultar, reprochar etc. Aquí non hai estratexias de cortesía relativa, xa que a propia intención é esa.

Canta máis descortesía intrínseca, máis necesidade hai de empregar estratexias lingüísticas corteses, salvo nos casos nos que o emisor quere atentar contra esta cortesía. Leech propón un conxunto de máximas:

  1. De tacto: minimizar a propia autoridade e maximizar a autoridade do interlocutor, empregando elementos de modalidade epistémica, por exemplo.
  2. De xenerosidade: minimizar o propio beneficio e maximizar o do destinatario.
  3. De modestia: minimizar o apego cara a un mesmo e maximizar o apego cara aos demais interlocutores.
  4. De acordo: minimizar o desacordo e maximizar o acordo.

A perspectiva de Brown e Levinson[editar | editar a fonte]

Quizais a aportazón de Penélope Brown e Samuel Levinson sexa a máis importante, ou polo menos a máis coñecida. Introducen o concepto, empregado anteriormente por Gofman, de face, traducible polo de imaxe. Falan de dous tipos de imaxe. Por un lado existe unha imaxe negativa, dende unha perspectiva persoal, que fai que todo individuo quere sentirse libre en actos e desexos. Por outro lado, dende un punto de vista social, intentamos ser valorados e apreciados pola xente que nos arrodea: fálase entón de imaxe positiva. Brown e Levinson parten da idea de que todas as interaccións comunicativas constitúen un potencial acto de ameaza á imaxe (AAI), e aquí tense en conta tanto a imaxe positiva como a negativa do emisor e dos diferentes destinatarios. Dependendo do tipo de acto, temos:

  1. AAI positiva do emisor: autocrítica, confesión etc.
  2. AAI positiva do receptor: insultos, reproches, acusacións etc.
  3. AAI negativa do emisor: promesas etc.
  4. AAI negativa do receptor: ordes, peticións, mandatos etc.

Evidentemente, non todos os actos son igual de ameazantes, pero en case todos existe unha potencial ameaza. Se se realiza un AAI e se desexa evitar que este acto non interfira nas boas relacións sociais, o normal é introducir riscos de cortesía para suavizar a situación. O grao de cortesía depende do risco de ameza do acto de fala, e este risco depende de:

  1. O poder relativo do destinatario con respecto ó emisor.
  2. Distancia social: grao de familiaridade que existe entre os interlocutores.
  3. Grao de imposición con respecto á imaxe negativa do destinatario.

As estratexias de cortesía relaciónanse co risco de ameaza do acto de fala: canto menor risco de desprestixio haxa empregaremos estratexias de menor cortesía, e viceversa. Estes autores propoñen un esquema de posibilidades á hora de realizar un AAI:

Realizar o AAI:
abertamente:
sen acción compensatoria
con acción compensatoria:
con estratexias de cortesía positiva
con estratexias de cortesía negativa
encubertamente
Non realizar o AAI

Emprégase unha estratexia aberta sen acción compensatoria cando non cómpre contrarrestar o dano potencial á imaxe, xa que domina a claridade e a inmediatez. Estas estratexias úsanse cando os tres casos máis arriba expostos din que o acto non ameaza a imaxe dos interlocutores

Noutros casos resulta conveniente unha estratexia compensatoria con cortesía positiva, cando empregamos riscos de cooperación presuposta (presupoñemos que se vai dicir que si ante unha petición)ou estratexias de solidariedade, cando nos incluímos na mensaxe (teremos que estudar máis, non?. , ou cando ofrecemos compensacións ó interlocutor. Pódense incluír aquí todo tipo de marcas de identidade social do destinatario (uso de xergas para achegarse a el), apelativos cariñosos, diminutivos, bromas, reforzo de coñecementos compartidos,etc. Estas estratexias intentan alagar a imaxe do destinatario. As estratexias de cortesía negativa danse cando hai máis distancia social. Trátase de expresións un tanto indirectas que conxugan modalidade e expresións correctas, do tipo por favor ou o uso do imperfecto de indicativo.

Para algúns autores, como Kebrat-Orecchioni, a visión de Brown e Levinson implica unha visión demasiado negativa das relacións sociais. Esta autora fala de actos de reforzo da imaxe, como felicitacións, louvanzas, saúdos etc. Son actos que xogan un papel moi positivo no mantemento das relacións sociais. Son actos en si mesmo corteses e positivos, que non supoñen ningunha ameaza potencial, senón todo o contrario.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Lakoff, Robin (1973): The logic of politeness; or, minding your P's and Q's,Chicago, Chicago Linguistic Society.
  • Leech, G. (1983): Principles of pragmatics , California, Longman.
  • Brown, P. & S. Levinson (1987): Politeness: Some Universals in Language Usage, Cambridge University Press.
  • Haverkate, H. (1994): La Cortesía Verbal: Estudio Pragmalingüístico, Madrid, Gredos.