Biomarcador

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Biomarcador, ou marcador biolóxico é o termo con que se denomina xeralmente a unha característica medible (substancia, propiedade) que se pode utilizar como indicador dalgún estado biolóxico ou condición. Nalgunhas ocasións tamén se refire a unha substancia cuxa presenza indica a existencia de organismos vivos. O termo biomarcador utilízase en moitas áreas da ciencia e ten significados algo diferentes segundo o campo da ciencia que se trate.

Con frecuencia mídense e avalíanse os biomarcadores para examinar os procesos biolóxicos normais ou patoxénicos, ou respostas farmacolóxicas a unha intervención terapéutica.

Historia[editar | editar a fonte]

O termo "biomarcador" vénse usando desde 1980.[1] En 1998, o Grupo de Traballo de Definicións de Biomarcadores dos Institutos Nacionais da Saúde (NIH) de EUA definiu biomarcador como “unha característica que é medible e avaliable obxectivamente como un indicador de procesos biolóxicos normais, procesos patoxénicos, ou respostas farmacolóxicas a unha intervención terapéutica.”[2][3]

Medicina[editar | editar a fonte]

Despois dun infarto de miocardio poden medirse varios biomarcadores cardíacos para determinar exactamente cando ocorreu un ataque e cal foi a súa gravidade.

En medicina, os biomarcadores poden ser en moitos casos substancias rastreables que se introducen nun organismo como medio para examinar a función dun órgano ou outros aspectos da saúde. Por exemplo, o cloruro de rubidio utilízase como un isótopo radioactivo para avaliar a perfusión do músculo cardíaco. Pode ser unha substancia cuxa detección indica un estado particular de enfermidade, por exemplo, a presenza dun determinado anticorpo pode indicar unha determinada infección. Máis especificamente, un biomarcador indica un cambio na expresión ou no estado dunha proteína que se correlaciona co risco de progresión dunha doenza, ou coa susceptibilidade da doenza a un determinado tratamento.

Os biomarcadores bioquímicos utilízanse en ensaios clínicos, nos que se extraen de fluídos corporais. Unha útil maneira para atopar as causas xenéticas de enfermidades como a esquizofrenia foi o uso dunha clase especial de biomarcador chamado endofenotipo.

Outros biomarcadores que se poden utilizar en medicina son as medidas da actividade eléctrica do cerebro (por medio de electroencefalografía ou magnetoencefalografía), ou medidas volumétricas de certas rexións do cerebro (utilizando imaxes de resonancia magnética) ou probas de saliva de metabolitos naturais, como o nitrito salivar, que é un marcador surrogado do óxido nítrico.

Un exemplo de biomarcador de uso común en medicina é o antíxeno prostático específico (PSA), cuxa medición permite avaliar a hiperplasia da próstata e a potencialidade de cancro.

Bioloxía celular[editar | editar a fonte]

En bioloxía celular, un biomarcador é unha molécula que permite a detección e illamento dun tipo celular determinado. Por exemplo, a proteína Oct-4 utilízase como biomarcador para identificar células nais embrionais.[4]

Xenética[editar | editar a fonte]

En xenética, un biomarcador (identificado como marcador xenético) é unha secuencia de ADN que causa enfermidade ou está asociado coa susceptibilidade a unha doenza. Pode utilizarse para crear mapas xenéticos dos organismos estudados.

Xeoloxía e astrobioloxía[editar | editar a fonte]

Un biomarcador pode ser calquera tipo de molécula que indica a existencia, pasada ou presente, de organismos vivos. No campo da xeoloxía e astrobioloxía, os biomarcadores (que se diferencian dos xeomarcadores) coñécense tamén como biosinaturas. O termo biomarcador tamén se utiliza para describir a intervención biolóxica na xeración do petróleo.

Ecotoxicoloxía[editar | editar a fonte]

Utilízanse biomarcadores para indicar a exposición a un xenobiótico ou os seus efectos, o cal está presente no ambiente e nos organismos. O biomarcador pode ser unha substancia externa (por exemplo, partículas de amianto ou nitrosamina cetona derivada da nicotina do tabaco), ou unha variante da substancia externa que foi procesada polo corpo (un metabolito) que normalmente pode ser cuantificado.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Aronson, Jeffrey (2005). "Biomarkers and surrogate endpoints". British Journal of Clinical Pharmacology 59 (5): 491–494. DOI:10.1111/j.1365-2125.2005.02435.x. PMC 1884846. http://www.ncbi.nlm.nih.gov/pmc/articles/PMC1884846/. Consultado o 17 July 2013.
  2. Strimbu, Kyle; Jorge, Tavel (2010). "What are Biomarkers?". Current Opinion in HIV and AIDS 5 (6): 463–466. DOI:10.1097/COH.0b013e32833ed177. PMC 3078627. PMID 20978388. //www.pubmedcentral.nih.gov/articlerender.fcgi?tool=pmcentrez&artid=3078627. Consultado o 17 July 2013.
  3. "Biomarkers and surrogate endpoints: preferred definitions and conceptual framework.". Clinical Pharmacology & Therapeutics 69 (3): 89–95. 2001. DOI:10.1067/mcp.2001.113989. PMID 11240971. http://www.ncbi.nlm.nih.gov/pubmed/11240971. Consultado o 17 July 2013.
  4. Biomarkers for Psychiatric Disorders. Publisher: Springer U.S. doi 10.1007/978-0-387-79251-4 Copyright: 2009 ISBN 978-0-387-79250-7 (Print) 978-0-387-79251-4 (Online)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]