Bioestratinomía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Bioestratinomía é a disciplina paleontolóxica do campo da Tafonomía que estuda as transformacións que sofren os restos biolóxicos dende a morte do organismo, se esta se produciu, ata o seu enterramento. Entre estas transformacións inclúense os procesos de produción e os de alteración tafonómica que teñen lugar en interacción coa Biosfera, Atmosfera e Hidrosfera.

Introducción[editar | editar a fonte]

Algúns autores utilizaron as aplicacións da Bioestratinomía cara outras ciencias xeolóxicas. Así por exemplo, nas investigacións bioestratinómicas utilizáronse os fósiles como partículas sedimentarias, estandarizadas en tamaño e forma, para reconstruir os procesos sedimentarios e revelar o ambiente físico no que viviu o organismo. Deste modo, sucesos como a acumulación de cunchas fracturadas en xacementos, a miúdo indican o nivel de enerxía ou forza da auga e do transporte trala morte do organismo.

O concepto Bioestratonomía foi desenvolvido por Weigelt, entre 1919 e 1927, para denotar o estudo da maneira na que os fósiles chegan a estar orientados e dispostos nas rochas; máis adiante outros autores substituíron o termo orixinal de Bioestratonomía polo de Bioestratinomía por razóns etimolóxicas. Aínda que algúns autores seguiron empregando o termo orixinal, na actualidade prevalece o de Bioestratinomía. (Etimoloxía “Bioestratinomía”: Palabra que ven do grego que significa, “bios=vida” + “nomos=refírese á lei” e do latín “Stratum=capa ou estrato”.)

Procesos Bioestratinómicos[editar | editar a fonte]

O estudo dos procesos bioestratinómicos pódennos proporcionar información acerca de:

  1. As causas da morte do organismo, se esta tivo lugar.
  2. A disposición que teñen os fósiles nos estratos.
  3. O tipo de transporte que sufriu o organismo ata que se enterrou.
  4. O tipo de sedimentación do medio.
  5. O grao de disgregación dos restos.

Os procesos tafonómicos que suceden durante a fase bioestratinómica son moi selectivos. A maioría das ditas transformacións son de carácter destrutivo e poden ser de carácter físico, químico ou biolóxico.

Transformacións físicas[editar | editar a fonte]

Entre os procesos físicos, o principal é o transporte, o cal se dará antes de que se produza o enterramento dos restos orgánicos; este movemento dos restos denomínase neocrocinese e pode ser levado a cabo por diferentes axentes, como as ondas do mar, as correntes, os ríos, o vento ou os organismos (paxaros, etc).

As consecuencias do transporte son a selección dos restos, ou a desarticulación e/ou a fracturación dos mesmos, polo que podemos obter poboacións mesturadas que antes se encontraban separadas e o enterramento destas produciuse en distintos ambientes nos que se atopaban inicialmente. Os restos orgánicos poden transportarse de moitas maneiras.

A capacidade do transporte relaciónase directamente coa separación que terán os corpos ou as súas partes. Tamén, a capacidade de flotación é moi importante, posto que xoga un papel na dispersión e distribución dos organismos, sobre todo nos que carecen de forza ascensional. O transporte produce una separación dos organismos e restos segundo o tamaño, peso e forma.

Na fase estratinómica poden producirse cambios físicos moi importantes na forma e estrutura dos elementos conservados, que producen gran número de restos a partir dun elemento orixinal. Estos cambios inclúen:

  1. Desarticulación: É a rotura do resto orgánico nos seus constituíntes.
  2. Fragmentación: É a rotura dos restos orgánicos polos seus planos de debilidade.
  3. Abrasión: Defínese como o desgaste mecánico dos restos orgánicos con outros restos ou coas partículas sedimentarias do medio.

Moitos restos presentan unha alta resistencia mecánica contra a abrasión, a fragmentación ou a desarticulación tanto en etapas iniciais como nas avanzadas, existindo probas de cadáveres, froitos e outros restos íntegros tras un furacán ou anos expostos á intemperie.

Transformacións químicas[editar | editar a fonte]

A disolución e a corrosión dos restos son os dous tipos de transformacións químicas máis importantes que suceden durante a fase bioestratinómica da fosilización. Estes procesos son regulados, en xeral, polas condicións de Eh (potencial redox) e do pH da auga. Estes parámetros condicionan a estabilidade dos diferentes minerais e da materia orgánica que constitúe o corpo dos organismos ou os seus restos, de maneira que poden favorecer a súa conservación ou a súa desaparición. O nivel de compensación dos carbonatos é outro mecanismo químico que pode condiciona-la súa preservación.

Transformacións biolóxicas[editar | editar a fonte]

Entre os procesos biolóxicos, o principal é a acción dos organismos sobre os restos que, coa súa actividade, debilitan os substratos orgánicos e fainos máis fráxiles frente ó transporte e máis débiles ante os axentes químicos. Un exemplo no medio continental é o caso dos animais carniceiros que dispersan os restos da presa tras devorala, de modo que dificultan o proceso de enterramento conxunto.

A momificación ou aseptización do medio retrasan a descomposición, pero a biocolonización e a bioerosión a aceleran, facilitando a actuación dos organismos.

Modos de enterramento[editar | editar a fonte]

O modo de enterramento dos restos orgánicos é importante porque axuda a interpretar algunhas características do medio no que se produce a sedimentación.

a) Enterramento autóctono: Prodúcese durante a vida dos organismos, no mesmo lugar onde viven, sen que haxa transporte. Típico dos organismos que viven enterrados no fondo.

b) Enterramento alóctono: Despois da súa morte e antes do seu enterramento, a maioría dos organismos sofren algún tipo de transporte, o que pode producir unha disgregación dos seus restos.

Se o organismo sofre o enterramento moi cedo (como cando é enterrado vivo) as posibilidades de fosilización son maiores.