Beni Hasan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Beni Hasan é unha necrópole exipcia do Imperio Medio (XI dinastía a comezos da XII) situada a 265 quilómetros ao sul de Cairo, na beira oriental do río Nilo. O nome deriva do dunha familia árabe que se estableceu no lugar a fins do século XVIII e que extendeu o seu dominio por toda a rexión de al Minya.

Localización e historia[editar | editar a fonte]

A necrópole está excavada nun acantilado de pedra calcaria moi rica en fósiles. As tumbas dispóñense en dúas fileiras, unha de tumbas en forma de pozos, de profundidade variábel e de diversas épocas, e outra, a 40 metros de distancia, de 30 hipoxeos de fachadas talladas no rochedo.

As tumbas de Beni Hasan pertenceron aos grandes señores que governaban as provincias (as de Giza, Sakkara, Dahshur ou Maidum eran de altos funcionarios da corte), que preferiron ser enterrados no seu propio nomo como sinal de independencia. Para subir á necrópole hai que seguir uns camiños marcados con pedras que datan tamén do Imperio Medio.

Os hipoxeos son de tres tipos:

  • Tumbas formadas por unha ou máis cámaras, sen columnas (a maioría);
  • cinco tumbas con columnas fasciculadas e capiteis en forma de loto, cunha gran cámara rectangular en cuxo fondo se abren dúas ou tres naves, perpendiculares ao eixo lonxitudinal, con unha ou dúas fileiras de columnas que soportan un arquitrabe sobre o que se apoian falsas bóvedas. A parte anterior da sala está coberta por un teito plano ou por un tellado a dúas augas.
  • tres tumbas con columnas acanaladas ("protodóricas", aínda que esta denominación é inexacta). Na fachada hai dúas columnas acanaladas entre dous pilares; a porta de entrada está situada no eixo do intercolumnio e dá acceso a unha cámara rectangular grande que se divide en tres naves lonxitudinais por medio de dúas fileiras de columnas arquitrabadas sobre as que se apoian falsas bóvedas. Tamén é unha falsa bóveda a coberta do pórtico exterior. Ao fondo da cámara, un naos acolle a estatua do finado.

Só doce das 39 tumbas están decoradas. Son pinturas ao fresco, e non relevos pintados, como na maior parte das tumbas do Imperio Antigo. As escenas divídense en longas faixas horizontais que representan os traballos agrícolas, as artes e os oficios, como no resto das tumbas civís do período, pero incluindo a vida militar e señorial.

Tumbas máis destacadas[editar | editar a fonte]