Bacterias púrpuras do xofre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bacterias púrpuras do xofre
Clasificación científica
Dominio: Bacteria
Filo: Proteobacteria
Clase: Gammaproteobacteria
Orde: Chromatiales
Familias

Chromatiaceae
Ectothiorhodospiraceae
Granulosicoccaceae
Halothiobacillaceae

As bacterias púrpuras do xofre son un grupo de gammaproteobacterias que poden facer a fotosíntese, que en conxunto forman a orde Chromatiales, e que, xunto coas bacterias púrpuras non do xofre, forman o grupo das bacterias púrpuras. Son organismos aneoróbicos ou microaerófilos, e a miíudo se encontran en fontes termais ou augas encoradas. A súa fotosíntese é anoxixénica, é dicir, a diferenza das plantas, algas e cianobacterias, non usan auga como doante de electróns na fotosíntese e non desprenden oxíxeno, senón que no lugar da auga utilizan sulfuro de hidróxeno, que se oxida formando gránulos de xofre elemental; este á súa vez pode oxidarse para formar sulfato. Moitas poden reducir tamén o tiosulfato (S2O32-) ou outros compostos xofrados. Os pigmentos fotosintéticos encóntranse en sistemas membranosos internos orixinados por invaxinación da membrana plasmática. Algunhas especies da familia Ectothiorhodospiraceae son extraordinariamente halófilas.

As bacterias púrpuras do xofre foron incluídas nunha orde propia, Chromatiales, e divididas en dúas familias, as Chromatiaceae e as Ectothiorhodospiraceae, que respectivamente producen gránulos de xofre internos e externos, e mostran diferenzas na estruura das súas membranas internas. Máis tarde, na década do 2000, dentro da orde foron incluídos dous novos xéneros non fotosintéticos que forman as súas propias familias, o xénero Halothiobacillus[1], e o Granulosicoccus.[2]

As bacterias púrpuras do xofre encóntranse xeralmente en zonas anóxicas iluminadas de lagos e outros hábitats acuáticos nos que se acumula sufuro de hidróxeno, e tamén en fontes de augas sulfurosas nas que se produce sulfuro de hidróxeno de forma xeoquímica ou biolóxica, o que pode dar lugar a floracións de bacterias púrpuras do xofre. Requírense condicións anóxicas para que realicen a súa fotosíntese, e estas bacterias non poden prosperar en ambientes oxixenados.[3]

Os lagos máis favorables para o desenvolvemento de bacterias púrpuras do xofre son os meromícticos (permanentemente estratificados). Os lagos meromícticos estratifícanse porque teñen unha auga máis densa (xeralmente salina) no fondo e menos densa (xeralmente doce) na parte superficial. Se hai sulfato dabondo na auga para soster a redución do sulfato, o sulfuro, producido nos sedimentos, difunde cara arriba cara ás zonas de augas anóxicas do fondo, e alí as bacterias púrpuras do xofre poden formar densas masas de células, chamadas floracións, xeralmente en asociación con bacterias verdes do xofre.[4]

As bacterias púrpuras do xofre son tamén un compoñente importante das alfombras microbianas intermareais, que viven nun ambiente dinámico debido ao fluxo das mareas e as achegas de auga doce, o que lles proporciona un ambiente favorable similar ao dos lagos meromícticos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. LPSN Halothiobacillaceae [1]
  2. LPSN Granulosicoccaceae [2]
  3. Proctor, Lita M. (1997). "Nitrogen-fixing, photosynthetic, anaerobic bacteria associated with pelagic copepods," Aquatic Microbial Ecology Vol. 12, 105-113.
  4. M. T. Madigan, J. M. Martinko, J. Parker. Brock. Biología de los Microorganismos. 10ª edición. Pearson-Prentice Hill. Páxina 355. ISBN 84-205-3679-2.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]